A Escola Municipal de Música de Ordes abre o prazo de admisión para novos alumnos do curso 2026/27

ACoruñaXa
As solicitudes poderán presentarse ata o 30 de xullo e o centro ofrece formación musical desde os 3 anos e unha ampla oferta de especialidades instrumentais
ORDES escola municipal de música
17 Jul 2026

A Escola Municipal de Música de Ordes iniciou o proceso de admisión de novo alumnado para o curso 2026/27. As persoas interesadas en incorporarse ao centro poderán presentar a súa solicitude ata o vindeiro 30 de xullo, utilizando os impresos dispoñibles tanto na páxina web oficial da escola como nas redes sociais municipais.

A oferta formativa estrutúrase en dúas modalidades de matrícula. A matrícula sinxela permite cursar unha única materia, entre as que se atopan Música e Movemento, dirixida a nenos e nenas de entre 3 e 5 anos; Formación Básica, para alumnado de 6 e 7 anos; Linguaxe Musical, a partir dos 7 anos; e Instrumento, modalidade que require coñecementos previos de linguaxe musical.

Pola súa banda, a matrícula completa está destinada a quen desexe recibir unha formación máis ampla. Inclúe obrigatoriamente a materia de Instrumento xunto con Formación Básica ou Linguaxe Musical, segundo a idade do alumnado, e dá acceso tamén ás diferentes agrupacións vocais e instrumentais da escola.

No apartado instrumental, a Escola Municipal de Música de Ordes ofrece unha ampla variedade de especialidades, entre as que se atopan piano, guitarra, percusión, violín, violonchelo, óboe, clarinete, frauta, saxofón, trompeta, trompa, trombón, bombardino e tuba.

0.13556385040283