A Escola Municipal de Folclore de Betanzos levará o nome da súa directora, Elena Díaz Blanco

ACoruñaXa
A docente recibiu unha homenaxe “sorpresa” coincidindo coa celebración do Festival de Folclore polo Día de Galicia
homenaxe-betanzos-elena-directora-alcaldesa
25 Jul 2026

O Concello de Betanzos celebrou unha nova edición do Festival de Folclore Día de Galicia, que este ano alcanzou a súa trixésima edición baixo o lema "40 anos promovendo o folclore dende o Concello", unha denominación coa que se quixo conmemorar o corenta aniversario da creación da Escola Municipal de Folclore e do compromiso municipal coa conservación, promoción e difusión do folclore galego.

Ao remate da actuación do grupo da Escola Municipal de Folclore, o Concello rendeu unha emotiva homenaxe á súa directora, Elena Díaz Blanco, en recoñecemento á súa dedicación e compromiso ao longo destas catro décadas, coincidindo coa proximidade da súa xubilación.

No acto participaron o Concello e numerosas persoas que estiveron vinculadas á Escola Municipal de Folclore durante estes corenta anos, nun recoñecemento que puxo en valor o labor desenvolvido por Elena Díaz Blanco na formación de varias xeracións de alumnos e alumnas e na preservación da música e do baile tradicional galego.

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, destacou durante a súa intervención a traxectoria profesional e humana da directora da escola, agradecéndolle "corenta anos de entrega, esforzo e paixón polo folclore galego e por facer da Escola Municipal de Folclore un referente da cultura tradicional en Betanzos".

Durante a homenaxe, María Barral anunciou ademais que a Comisión de Honras e Distincións do Concello acordou que, a partir do curso 2026/2027, a Escola Municipal de Folclore pase a levar oficialmente o nome de Elena Díaz Blanco, como mostra de agradecemento e recoñecemento ao seu legado. A alcaldesa sinalou que este será "unha homenaxe permanente a quen dedicou boa parte da súa vida a formar persoas e a manter viva unha parte esencial do noso patrimonio cultural".

O acto concluíu cunha prolongada ovación do público asistente, que quixo sumarse ao recoñecemento a unha figura clave na historia da Escola Municipal de Folclore e na promoción da cultura tradicional galega en Betanzos.

0.1319260597229