A Escola de Arquitectura da UDC organizará o XIII Congreso Internacional Docomomo Ibérico
O pasado xoves 4 de abril, na reunión do seu Padroado, a Fundación Docomomo elixiu a proposta da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña para organizar o seu XIII Congreso Internacional en 2025, converténdose na primeira sede galega deste evento. Os anteriores congresos, celebrados desde no ano 1997, reuniron de xeito bianual a numerosos arquitectos e investigadores especializados no tema proposto polas anteriores sedes.
A candidatura da ETSAC, presentada co título 'A modernidade marítima. Arquitecturas e infraestruturas da paisaxe litoral, 1925-1975', partía do expreso recoñecemento que o Convenio Europeo da Paisaxe, asinado no Palazzo Vecchio de Florencia o 20 de outubro de 2000 por iniciativa do Consello de Europa e ratificado por un bo número de estados europeos, entre eles o español, facía da súa inapelable importancia: “A paisaxe é un elemento importante da calidade de vida das poboacións, tanto no medio urbano como no rural, tanto nos territorios degradados como nos de gran calidade, tanto nos espazos singulares como nos cotiáns”. “A paisaxe -concluía o Convenio- constitúe un elemento esencial do benestar individual e social”.
Durante o medio século que ocupa a Docomomo (1925-1975), foi no litoral onde se relativizou e diluíu a crítica ao Movemento Moderno por considerar a paisaxe como un mero fondo perspectivo ao que superpoñer os seus abstractos obxectos; onde tantas arquitecturas abordaron un frutífero diálogo coa súa particular paisaxe, recoñecendo o seu incuestionable protagonismo. Encabezadas emblematicamente polos clubs náuticos, aínda que en diverso grao; as arquitecturas dos estaleiros, os portos, as lonxas, as naves portuarias, as factorías, os balnearios, as praias, as frontes marítimas, os poboados de pescadores, as vivendas colectivas e unifamiliares… pretenderon establecer un atento diálogo entre a linguaxe exhibida polo seu racionalista funcionamento e a característica paisaxe que sempre estableceu o contacto entre a terra e o mar.
A coherencia da proposta, convocada desde A Coruña a investigación de proxectos e obras da Modernidade que teñan na liña litoral a súa principal razón de ser, está reforzada por ser a Universidade, encarnada na súa Escola de Arquitectura, quen a presente, sendo a investigación sobre a paisaxe e a súa proxección na docencia as que dotan de sentido o Grao de Paisaxe na institución académica.