A emigración, a memoria feminina e a natureza toman o escenario con 'Monte' este venres en Arteixo

ACoruñaXa
Arteixo celebrará este venres 24 de abril o Día Internacional da Danza coa representación da obra de Laboratorio Escénico
ARTEIXO dia internacional da danza - foto de héctor (hecofilms)
Fotografía de Hecofilms
23 Apr 2026

A danza contemporánea volverá ter protagonismo en Arteixo cun espectáculo que quere ir máis alá do movemento para converterse nun exercicio de memoria, identidade e emoción. 'Monte - versión estendida-' chegará este venres ao Auditorio do CCC Manuel Murguía dentro da programación cultural PRIM'ART 2026, cunha peza de 60 minutos que mestura danza, música en directo e palabra para explorar os vínculos históricos e afectivos entre Galicia e Cuba.

A proposta, ideada por Alba Fernández e dirixida artisticamente por Maura Morales, pon o foco nas historias en feminino e na relación coa natureza. Sobre o escenario, Ana Beatriz Pérez, Estefanía Gómez e a propia Fernández darán forma a unha creación que bebe da emigración de ida e volta, da sabedoría transmitida polas mulleres e dunha conexión fonda coa terra, co mar e coa tradición.

Outro dos piares da función será a música ao vivo, cun acompañamento sonoro no que se integran voz, percusión, piano, baixo e guitarra para reforzar a dimensión sensorial do espectáculo. A cita está dirixida a público adulto e enmárcase nas actividades coas que o Concello conmemora o Día Internacional da Danza, que se celebra o 29 de abril. As entradas poden adquirirse na billeteira e tamén en liña, cun prezo xeral de 6 euros e reducido de 4,50 euros.

0.12077212333679