A elite do xadrez brillou no XXIII Torneo de Nadal de Carral
Carral acolleu este domingo, no pavillón do Espiño, o XXIII Torneo de Nadal de Xadrez, un clásico do municipio que nesta edición congregou a cincuenta e seis xadrecistas de diferentes idades e procedentes de toda a provincia.
A competición, estruturada en catro categorías (sub-10, sub-14, absoluto e mellor local), comezou ás 16:00 horas e constou de sete roldas a un ritmo de dez minutos por xogador/a, con tres segundos de incremento. A sétima e última partida rematou ás 19:50 horas, momento no que o cambrés Rodrigo Pena Barbeito, do Club Magic de Xadrez de Extremadura, se alzou como campión absoluto. O cercedense Guillermo Ambroa Barbeito e Roberto Blandón Pao, do Club Xadrez Sigrás, ocuparon a segunda e terceira posición respectivamente.
Na categoría sub-14, o gañador foi Andrés Blanco Rodríguez, do Club Xadrez Arteixo e cuarto na clasificación xeral. Completaron o podio o carralés Mario Graña Vázquez e Rafael Soto Florian, tamén do Club Xadrez Arteixo.
En sub-10, o campión foi Roi Bello, de Carballo, seguido por Mario García e Brais García, tamén de Carballo e Carral respectivamente.
O trofeo ao mellor xogador local recaeu en Xosé Manuel Zapata Pérez, que acadou a quinta posición na clasificación xeral.
A entrega de premios, celebrada ás 20:00 horas, contou coa presenza do alcalde de Carral, Javier Gestal Pouse. O rexedor destacou a elevada participación das categorías máis novas, que representaron o 65 % dos rexistrados, subliñando que este é un dos principais obxectivos do torneo: fomentar o xadrez entre a xuventude.