A DXT prevé máis de 484.000 desprazamentos na provincia da Coruña esta Semana Santa
Este venres 22 de marzo ás 15.00 horas comeza en Galicia a Operación Especial de Tráfico de Semana Santa, na que están previstos un total de 1.586.000 desprazamentos ao longo de toda Galicia, dos que 484.00, o 30% do total, serán na provincia da Coruña.
Unha campaña que ven marcada polo aumento da sinistralidade na comunidade no arranque do ano con 12 falecidos nas estradas da provincia e 26 en Galicia, “unha cifra inaceptable que mostra a gran necesidade de concienciar á cidadanía en materia de seguridade viaria para previr máis sinistros nas nosas estradas”, sinalou esta mañá a subdelegada do Goberno na Coruña Rivas na Dirección Xeral de Tráfico.
Esta operación da Dirección Xeral de Tráfico desenvolverase en dúas fases, a primeira que dará comezo hoxe e finaliza este domingo 24 de marzo e unha segunda, “máis importante que a fase anterior por volume e desprazamentos de vehículos que arrinca o mércores 27 de marzo e acaba o luns 1 de abril.
A subdelegada do Goberno, que estivo acompañada no acto pola xefa provincial de Tráfico na Coruña, María Victoria Gómez, e o Comandante Xefe do Subsector de Tráfico de A Coruña, José Ángel Corral, lembrou que na campaña do pasado ano, Galicia foi a comunidade na que máis aumentou a sinistralidade con respecto ao ano anterior, en concreto, rexistráronse 5 falecidos, 4 máis que en 2022, polo que fixo un chamamento á prudencia “e a non incorrer en prácticas ou hábitos que poñan en risco a capacidade de condución, especialmente nunha das datas máis conflitivas do ano polo gran volume de desprazamentos no mesmo tempo”.
Unha ampla cantidade de medios para garantir a seguridade
Para garantir a seguridade viaria e facilitar a mobilidade e a fluidez nas estradas, a DXT conta durante estes días coa máxima dispoñibilidade de medios, tanto técnicos (radares de control de velocidade, helicópteros e drons, cámaras para o control do uso do móbil e do cinto de seguridade) como humanos.
Tráfico prevé un total de 1.586.000 desprazamentos en toda Galicia, dous de cada tres na segunda fase da operación. Deles, 484.000 serán na provincia da Coruña; 523.000 en Pontevedra; 253.000 en Lugo e 326.000 na de Ourense.
Ademais, durante estes días, implantaranse medidas de ordenación e regulación do tráfico como a instalación de carrís reversibles que faciliten a circulación de entrada ou de saída dos núcleos urbanos en función das necesidades, a paralización de obras ou as restricións a determinados vehículos de mercadorías, en tramos e horas concretas.
María Rivas aproveitou a súa intervención para poñer en valor o compromiso do Goberno por mellorar a seguridade viaria na comunidade, tanto a través de investimentos como campañas de concienciación “todo cun único obxectivo: reducir a cero as mortes en accidentes de tráfico”.