A DXT levará ao cabo esta semana unha campaña de control da seguridade dos vehículos
Dende este luns 11 de marzo e ata o domingo 17 de marzo a DXT desenvolverá nas estradas da Provincia da Coruña unha campaña de vixilancia e control do cinto de seguridade e os sistemas de retención infantil.
Neste sentido, a ubdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, acudiu esta mañá a un control na estrada N-550 ao seu paso por Cambre onde chamou a atención sobre o feito de que no ano 2023 perderan a vida en accidentes de turismo e furgoneta un total de 14 persoas, das que 8 non levaban posto o cinto de seguridade no momento do sinistro, o que supón o 57% das vítimas neste tipo de sinistros.
A subdelegada salientou a importancia de levar a cabo estas campañas para concienciar á cidadanía sobre o uso do cinto de seguridade, que “é o salvavidas co que contamos en canto subimos a un automóbil e, nese sentido, toda insistencia é pouca cando se trata de frear o número de mortes nas nosas estradas”, apuntou.
María Rivas lembrou que non levar posto o cinto de seguridade é, xunto coa velocidade e a condución baixo os efectos do alcol, un dos principais factores de risco na estrada. De feito, no centro urbano a posibilidade de resultar ferido grave ou morto é 5 veces menor se leva posto o cinto.
Estes datos son se cabe máis importantes despois dos últimos accidentes mortais rexistrados nas estradas da provincia e de coñecer o dato de que no ano 2023 perderon a vida en accidentes de turismo e furgoneta un total de 14 persoas, das que 8 non levaban posto o cinto de seguridade no momento do sinistro, o que supón o 57% das vítimas neste tipo de sinistros. Esta taxa é superior á do conxunto da comununidade, onde tamén superou o 50%. Foron 51 as persoas falecidas en accidentes de turismo e furgoneta, das que 26 non levaban posto o cinto de seguridade.
Para a subdelegada, trátase dun dato “alarmante” e recalcou que un dos principais compromisos do Goberno é asegurar que estas campañas cheguen a toda a sociedade para educar e previr en materia de seguridade viaria e así conseguir reducir a cero as mortes en accidentes de tráfico.
Durante a campaña, haberá un importante incremento dos controis nos que a Agrupación de Tráfico da Garda Civil, xunto coas Forzas e Corpos de Seguridade, velarán porque todas as persoas ocupantes do vehículo fagan uso adecuado do cinto de seguridade. Ademais, a DXT tamén distribuirá entre todas e todos os condutores uns dípticos nos que se recolle un decálogo de razóns que xustifican o uso do cinto.
A campaña que se desenvolve entre o 11 e o 17 de marzo quere inculcar na poboación a enorme eficacia dos sistemas de retención, tanto en adultos como en menores. Desde a Dirección Xeral de Tráfico advirten de que, a 80 quilómetros por hora, un choque frontal sen levar posto o cinto de seguridade adoita comportar o resultado de morte ou lesións graves. Nos envorcos, o cinto alcanza a súa máxima efectividade, reducindo ata un 77% o risco de morte.