A Dragona Ramona contará unha nova historia na biblioteca do Burgo o 30 de outubro

A Dragona Ramona volverá achegar o mundo dos libros aos máis pequenos cunha nova sesión de contacontos na Biblioteca González Garcés, no Burgo. A actividade terá lugar o venres 30 de outubro, ás 17.30 horas, dentro da programación de animación á lectura que o Concello de Culleredo desenvolve a través da súa rede de bibliotecas municipais.
Nesta ocasión, a mascota das bibliotecas compartirá co público infantil a historia 'Pippioleta? Unha biblioteca marabillosa', nunha proposta pensada para espertar a curiosidade pola lectura e ofrecer ás familias unha oportunidade para gozar xuntas da narración de contos.
A sesión está dirixida a nenos e nenas a partir dos tres anos e será de acceso libre e gratuíto. As persoas interesadas en asistir non terán que realizar ningunha inscrición previa.
Con esta iniciativa, o Concello de Culleredo continúa promovendo o hábito lector desde a infancia e achegando actividades culturais ás familias do municipio. A Dragona Ramona, convertida nun dos personaxes máis queridos polos pequenos usuarios das bibliotecas, será novamente a encargada de acompañalos nesta aventura literaria.