A DOMUS foi o pasado sábado escenario do Congreso Científico inKrustado da UDC

ACoruñaXa
Un centenar de participantes do proxecto Incrúst@te déronse cita no Museo para defender a súa experiencia ante a mirada de familiares, visitantes e un tribunal externo
Imaxe dunha rapaza participante no proxecto Incrústate
29 Apr 2024

O Museo DOMUS da Coruña converteuse este sábado nun fervedoiro de novos estudantes reconvertidos en promesas da investigación científica. Alumnos e alumnas de 4º da ESO, FP e Bacharelato participaron nunha sesión de pósteres para mostrar os resultados dos seus experimentos nos laboratorios do CICA da Universidade da Coruña, aspirando a ser un dos catro gañadores do Congreso e gozar así dunha nova estancia de dúas semanas xunto aos seus grupos de investigación. Acompañados por familiares e polos investigadores do centro, tiveron que defenderse ante as preguntas dun tribunal externo, mostrando unha soltura e uns coñecementos propios de científicos xa consolidados.

O nerviosismo, palpable ante a chegada do tribunal, non impediu que unha quincena de estudantes se lucise a mañá do sábado. Acompañados dun caderno, os catro membros do xurado percorrían unha fileira de pósteres poñendo a proba aos relatores do congreso con preguntas e comentarios cun obxectivo claro: seleccionar os catro mellores traballos. “Un resultado dificilísimo”, sinalaba a vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC, Cristina Naya, quen formou parte do devandito tribunal, “xa que a calidade de todos os traballos é moi alta”.

Unha vez finalizada a sesión, aberta ao público, o director do CICA, Jaime Rodríguez González, agradeceu a relatores e investigadores a súa participación nesta nova edición do proxecto Incrúst@te, entregando aos estudantes un diploma que acredita o seu paso polos laboratorios do centro. Catro alumnas, seleccionadas por un sorteo previo, deleitaron aos asistentes do congreso cunhas exposicións orais máis extensas. Todas elas coincidiron á hora de sinalar o inspiradora que fora a experiencia e animando a calquera estudante interesado en cursar unha carreira científica a participar neste tipo de iniciativas.

Co remate do Congreso, un centenar de familiares, relatores e investigadores desprazábanse ata o CICA para escoitar o veredicto do tribunal. Os estudantes, acompañados do seu grupo de investigación, non perderon a ocasión de mostrar con orgullo aos seus acompañantes os laboratorios nos que realizaron as súas estancias. Tras a visita, o director do centro anunciou aos catro gañadores desta nova edición do proxecto Incrúst@te: Alba García Puga, que realizou a súa estancia dentro do grupo de investigación Metodoloxías en Sínteses e Catálises (SynCatMeth); Óscar Presno Iglesias, do grupo Produtos Naturais Bioactivos de Orixe Mariño (Pronamar); Yolanda Rey Ares, do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental (GRICA) e, finalmente, Sara Mboudou Vilas, do Grupo de Investigación en Terapia Celular e Medicina Rexenerativa (TCMR).

A totalidade dos pósteres atópase actualmente no Museo DOMUS e poderán visitarse ata o próximo 10 de xuño. O sábado 4 de maio, e con motivo do Día da Ciencia na Rúa, a entrada dos Museos Científicos Coruñeses será gratuíta.

 

0.081156015396118