A Domus estrea cinco novos módulos interactivos para descubrir a Intelixencia Artificial xogando

A Domus da Coruña ampliou a súa oferta expositiva coa incorporación de cinco novos módulos interactivos dedicados á Intelixencia Artificial (IA), unha proposta que busca achegar esta tecnoloxía ao público dun xeito didáctico e participativo.
A iniciativa conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), entidade dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e permitirá aos visitantes coñecer tanto o funcionamento da IA como algunhas das súas aplicacións en ámbitos como a arte, a investigación biomédica ou a aprendizaxe automática.
Un dos novos espazos, titulado 'Historia da IA', propón un percorrido polos principais fitos desta tecnoloxía mediante unha liña do tempo interactiva que explica a súa evolución e a súa influencia na sociedade.
Outro dos módulos, 'Emocionarte', invita os visitantes a seleccionar tres emocións para que un modelo de intelixencia artificial xenerativa as transforme nunha obra de arte abstracta. Pola súa banda, 'Deseña unha proteína' presenta un xogo tipo arcade que permite comprender como a IA contribúe ao desenvolvemento de novas proteínas para a investigación científica.
A oferta complétase con 'O espello es ti', onde a silueta dos participantes serve de base para descubrir a vestimenta tradicional doutras épocas e culturas, e con 'Redes en xogo', unha experiencia que compara a forma na que o cerebro humano e as redes neuronais artificiais aprenden a identificar patróns e interpretar a realidade.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que estas novidades consolidan a Domus como "un motor de difusión científica e coñecemento que sempre está na vangarda", ao tempo que permiten mostrar "o impacto positivo que pode ter a Intelixencia Artificial no conxunto da sociedade, regulada e ben aplicada".