A Domus acolle hoxe as conferencias de Juan Antonio Madrid e Eva Villaver no peche do 'V Encontro da Noite'

ACoruñaXa
A luz e a escuridade na saúde humana e o fascinante legado das estrelas centran esta cita organizada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío
Imaxe do museo da DOMUS
30 Nov 2024

Este sábado, 30 de novembro, a Domus será escenario do peche do V Encontro da Noite, unha iniciativa impulsada pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío coa colaboración do Concello da Coruña. O evento, de acceso libre ata completar aforo, contará coa participación destacada do cronobiólogo Juan Antonio Madrid, profesor da Universidade de Murcia, e da astrofísica Eva Villaver, subdirectora do Instituto de Astrofísica de Canarias.

A partir das 18:00 horas, Juan Antonio Madrid ofrecerá a palestra ‘Ritmos biológicos en un mundo sin noche’, onde abordará o impacto da luz e da escuridade na fisioloxía e na saúde humana. A continuación, ás 19:00 horas, Eva Villaver impartirá a charla ‘Escrito en las estrellas’, un percorrido polo vínculo histórico da humanidade co ceo nocturno e o coñecemento derivado da súa observación.

Esta xornada pon o broche final á quinta edición do Encontro da Noite, que arrancou o pasado 5 de outubro. Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, animou á cidadanía a asistir a estas últimas conferencias, que se desenvolverán na sala Leonardo da Vinci da Domus.

O evento forma parte do programa da rede de Museos Científicos Coruñeses, coa que colabora activamente o Concello para promover actividades de divulgación científica na cidade.

0.16490793228149