A despedida de Medina Azahara terá parada única en Galicia no Rock in Cambre

ACoruñaXa
A banda andaluza será cabeza de cartel do festival, que se celebrará os días 25 e 26 de setembro con Boikot, Biznaga, Carlangas e Me Fritos and the Gimme Cheetos
CAMBRE rock in cambre Medina Azahara
18 Jun 2026

O Rock in Cambre pecha o cartel principal da súa edición de 2026 coa incorporación de Medina Azahara, unha das bandas máis recoñecidas da historia do rock español. O grupo ofrecerá en Cambre o seu único concerto en Galicia dentro da xira de despedida 'Todo tiene su fin'.

A actuación terá un carácter especialmente emotivo, xa que forma parte da última xira dunha formación que decidiu poñer fin a máis de catro décadas de traxectoria sobre os escenarios.

Fundada en Córdoba en 1979, Medina Azahara converteuse nun referente pola súa mestura de rock andaluz, hard rock melódico e raíces flamencas. Cancións como 'Necesito respirar', 'Paseando por la mezquita', 'Todo tiene su fin' ou 'A toda esa gente' forman parte da memoria musical de varias xeracións.

O concerto de Cambre permitirá ao público galego despedirse da banda cun repertorio centrado nos grandes éxitos dunha carreira marcada por máis de vinte discos de estudo e milleiros de actuacións.

Coa chegada de Medina Azahara, o festival completa a súa programación principal, na que tamén figuran Boikot, Biznaga, Carlangas e Me Fritos and the Gimme Cheetos. Só queda por anunciar a selección de bandas da contorna, mantendo así o compromiso do Rock in Cambre coa promoción do talento local.

A edición de 2026 celebrarase os días 25 e 26 de setembro e recuperará o formato de dous días completos de concertos, consolidando o festival como unha das grandes citas gratuítas da música en Galicia.

PROGRAMACIÓN

0.14691996574402