A deputada popular Cecilia Vázquez celebra o compromiso da Xunta coa comarca de Betanzos

ACoruñaXa
Cecilia Vázquez eloxia os orzamentos da Xunta que priorizan investimentos en educación, infraestruturas e apoio á emancipación dos mozos, en contraposición á parálise orzamentaria do goberno central e local
Imaxe de Cecilia Váquez
23 Out 2024

A deputada autonómica do Partido Popular de Galicia, Cecilia Vázquez, subliñou a importancia dos orzamentos da Xunta de Galicia para o 2024, que contemplan investimentos clave para Betanzos e a súa comarca. Vázquez destacou que, mentres o goberno central non presenta orzamentos e o Concello de Betanzos está atrasado na súa tramitación, a Xunta mantén o seu compromiso de aprobar as contas en tempo, o que permitirá que as actuacións previstas entren en vigor sen demoras.

Entre as actuacións máis significativas para Betanzos, Vázquez mencionou a rehabilitación do CEIP Vales Villamarín, con 910.000 euros destinados á mellora das súas instalacións, así como o proxecto de rehabilitación da cuarta fase do Parque do Pasatempo, que contará cunha inversión de 800.000 euros. Ademais, a deputada destacou os 2 millóns de euros destinados á ampliación da curva sobre a vía do tren, á construción de beirarrúas e ao arcén da AC-542, o que mellorará a accesibilidade e a seguridade viaria.

No ámbito social, Vázquez fixo fincapé no apoio á dependencia, unha das prioridades dos orzamentos, e nas rebaixas fiscais que buscan facilitar a emancipación dos mozos e mellorar o acceso á vivenda. Estas medidas, segundo a deputada, terán un impacto directo sobre a poboación máis nova, permitindo que moitos mozos e mozas poidan establecerse e crecer na súa localidade de orixe. Ademais, mencionou as políticas fiscais que reducen a carga impositiva sobre as familias, como a diminución de impostos en sucesións e transmisións patrimoniais.

Cecilia Vázquez lamentou a situación financeira do Concello de Betanzos, que se enfronta a un plan de axuste para pagar facturas pendentes por valor de 2,6 millóns de euros. Este plan implicará subas do IBI (30%) e do imposto sobre vehículos de tracción mecánica (IVTM) nun 34%, así como recortes no gasto de persoal. “Unha vez máis, os veciños e veciñas de Betanzos pagarán a mala xestión económica do Goberno local”, afirmou a deputada, comparando esta situación co compromiso cumprido pola Xunta.

0.18040204048157