A Deputación reivindica o seu Plan de Subvencións como modelo de bo goberno

A Deputación da Coruña destacou o seu Plan Estratéxico de Subvencións (PES) 2025-2027 como un exemplo de “transparencia e bo goberno”, subliñando a súa importancia para garantir unha xestión pública eficiente, orientada a resultados e en cumprimento da normativa vixente. Durante un pleno extraordinario convocado polo Partido Popular, a deputada de Emprego, Industria, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, sinalou que, mentres a Deputación cumpre desde 2020 coa obrigatoriedade legal de contar cun plan deste tipo, a Xunta de Galicia e os seus organismos dependentes seguen sen dispoñer del.
“É unha obriga legal nítida, claramente recollida na Lei xeral de subvencións estatal (Lei 38/2003) e na Lei de Subvencións de Galicia (Lei 9/2007). Malia iso, a administración autonómica, auténtica xigante das convocatorias de subvencións, e os seus innumerables organismos dependentes non dispoñen deste instrumento indispensable”, afirmou García, criticando o que considera un incumprimento flagrante da lexislación.
A deputada defendeu que o PES da Deputación foi aprobado en setembro, seguindo o mesmo procedemento administrativo que o PES 2020-2022, e destacou que conta cos informes favorables de Secretaría e Intervención. Ademais, subliñou que este documento está deseñado como unha ferramenta técnica de programación que non introduce novas competencias, o que fai “inxustificada e difícil de explicar a posición do PP” á hora de solicitar a convocatoria do pleno extraordinario.
Transparencia e accesibilidade do plan
Segundo Rosa Ana García, o PES 2025-2027 da Deputación é un documento activo e aberto a modificacións, polo que está dispoñible para propostas de todos os grupos provinciais. Ademais, o plan publicouse no Boletín Oficial da Provincia, na sede electrónica, no Portal de Transparencia da Deputación e no Sistema Nacional de Subvencións e Axudas Públicas. “Calquera persoa da nosa provincia pode ter unha información clara de cal é e como se desenvolve a actividade de fomento da Deputación da Coruña”, afirmou a deputada.
García tamén lembrou que se solicitaron informes á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta tanto para o PES 2020 como para o actual, sen recibir resposta ata o momento. “En cinco anos, a Xunta aínda non informou sobre o PES de 2020”, engadiu.
O pleno extraordinario, convocado polo PP, estivo marcado por un intenso debate político. O portavoz do Partido Popular, Evaristo Ben, cuestionou a tramitación do PES, que cualificou de “precipitada” e “con importantes lagoas e falta de participación”. Tamén criticou a ausencia dun informe preceptivo e vinculante da Xunta de Galicia.
En resposta, o portavoz socialista, Bernardo Fernández, lembrou que a tramitación segue o mesmo modelo do PES anterior e que dous informes xurídicos acreditan que non é necesario o informe da Xunta. Pola súa banda, a portavoz do BNG, Avia Veira, acusou ao PP de “non predicar co exemplo”, sinalando que a Xunta carece dun Plan de Subvencións e denunciando que o goberno autonómico utiliza as subvencións “a dedo para quen lle conveña”.
Veira destacou que o anterior goberno provincial do PP destinaba máis do 24% das subvencións como nominativas, sen bases nin concorrencia pública, mentres que o actual goberno reduciu esta porcentaxe a menos do 5%.
O pleno foi presidido polo vicepresidente Xosé Regueira, debido á ausencia do presidente, Valentín González Formoso, que se atopaba na Estrada nun acto de recoñecemento aos bombeiros que colaboraron na recuperación das localidades valencianas afectadas pola DANA.