A Deputación propulsa ás startups tecnolóxicas da provincia
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou este mércores en Cambre a sede de Codee, unha das empresas innovadoras de base tecnolóxica que contan co apoio da Deputación da Coruña
Formoso, que visitou a sede da empresa acompañado polo deputado de Avance Dixital, José Ramón Rioboo, asegurou que a institución provincial presta sempre especial atención aos proxectos innovadores, e por iso desprega diferentes iniciativas para contribuír ao seu desenvolvemento. Referiuse así ao convenio que a Deputación asinou no 2023 coas universidades da Coruña e de Santiago co fin de contribuír con 400.000 euros á ampliación de capital de Unirisco, unha sociedade de capital risco participada por ambas institucións académicas que financia proxectos emprendedores de base científica e tecnolóxica.
Durante o percorrido destacou como prioridades para a Deputación contribuír a transferencia de coñecemento das universidades ás empresas e a aposta polo talento, especialmente da xente moza, de modo que mostrou a súa satisfacción por que compañías coma Codee se beneficien dese tipo de financiamento.
“Estamos xunto aos proxectos emprendedores que fomentan o talento e contribúen a posicionar a Galicia como referente, tamén no eido tecnolóxico. Iniciativas como Codee que xorden dunha boa idea no seo da universidade e despregan despois todo o seu potencial no ámbito da empresa”, afirmou Formoso, que destacou que a compañía conte xa con 18 empregados de alta cualificación.
A actividade da empresa está dirixida a dous tipos de clientes. Por unha banda, os grandes centros de supercomputación. “Realizan simulacións de problemas do mundo real, como a predición meteorolóxica ou de catástrofes naturais, para o que se empregan os supercomputadores máis potentes do mundo, máquinas que valen entre 200 e 400 millóns de euros. Optimizar a velocidade e o consumo de enerxía dos programas pode repercutir, incluso, en salvar vidas. Por exemplo, coa predición dun tsunami con moita antelación”, detallou. O outro sector ao que presta máis atención a start-up é a axuda a compañías que desenvolven software para os denominados “sistemas empotrados”.
Codee, que xa traballa para empresas e institucións públicas de Estados Unidos, Europa, Arabia, Xapón ou Australia, conta con financiamento de Unirisco, entre outros inversores. Unirisco contribúe a fomentar dentro do territorio provincial proxectos innovadores con base tecnolóxica, principalmente en sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, a farmacoloxía, a tecnoloxía da saúde, as tecnoloxías da información e a comunicación (TIC), o sector agroalimentario, a industria 4.0, a economía circular ou as novas formas de enerxía e sustentabilidade.