A Deputación pon fin á campaña 'Mulleres do pasado, raíces do futuro' no IES Rosalía Mera
O IES Rosalía Mera foi este xoves o escenario do remate da campaña “Mulleres do pasado, semente de futuro”, levada a cabo pola área de igualdade da Deputación con motivo da conmemoración do 8M. Púxose o broche final, así, a unha actividade interxeracional que consistía en que o alumnado de diferentes centros educativos entrevistasen ás súas avoas, co obxectivo de provocar unha reflexión conxunta entre ambas xeracións, sobre a evolución do papel da muller na sociedade. Estas entrevistas foron gravadas e poderanse visualizar na páxina web da Deputación.
No proxectouse un dos vídeos seleccionados e, ademais, a avoa e a neta protagonistas conversaron coa deputada, nunha charla na que tamén participou o alumando do centro. Entre todos e todas, abordáronse cuestións actuais e dereitos como o do divorcio, o do aborto ou o de poder usar pantalóns, “dereitos que nalgún momento a lei nos prohibía” sinalou Soledad Agra.
A través desta campaña, apuntou a deputada, “quixemos facer unha revisión da loita das mulleres do pasado que conseguiron importantes avances para nós a base de folgas, manifestacións, batallas contra a policía e o exército que nalgúns casos lle custaron a vida”. O obxectivo desta campaña era, precisamente, “xuntar a xeración actual coas súas avoas para reflexionar en conxunto sobre como cambiou todo”. Deste xeito, “con estes vídeos lembramos como era a vida das nosas antepasadas; porque todo o que temos ahora ata fai nada non era así”.
Coa actuación musical de Carla Valiño, da Asociación de Estudantes do Conservatorio Superior de Música da Coruña (ASECOSMAC) ao principio e ao final da xornada, o acto contou tamén coa intervención do director do centro, Genaro García. Finaliza así a campaña do 8M da Deputación “Mulleres do pasado, semente de futuro”, que “se enmarca nun plan de igualdade que vai máis aló deste día e que propón a busca da igualdade real nos diferentes espazos da vida”.