A Deputación leva ao MUNCYT un debate sobre a nova violencia machista nas redes

ACoruñaXa
A xornada, prevista para o 23 de abril na Coruña, abordará a manosfera, os discursos de odio contra as mulleres, os riscos da intelixencia artificial e as estéticas dixitais da submisión
DIPU CORU xornadas violencia dixital
20 Apr 2026

A Deputación da Coruña celebrará o vindeiro 23 de abril no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía unha xornada centrada nas novas violencias machistas dixitais, unha cita coa que a institución quere poñer o foco en fenómenos cada vez máis presentes no ecosistema en liña e no seu impacto fóra das pantallas. A actividade desenvolverase entre as 9.30 e as 19.00 horas e a inscrición é gratuíta a través da plataforma 'De Fronte'.

Baixo o lema 'Non deixemos que o futuro nos leve ao pasado', o encontro reunirá na Coruña profesionais, investigadoras e voces expertas para analizar como medran no espazo dixital os discursos de odio contra as mulleres, o conservadurismo relacional e o uso violento das novas tecnoloxías. A propia organización presenta a cita como un espazo para compartir coñecemento, experiencias e boas prácticas nun contexto que considera especialmente preocupante.

O programa estrutúrase en tres grandes bloques. O primeiro xirará arredor da manosfera e das plataformas dixitais, coas intervencións de Ferran Lalueza, Asunción Bernárdez, Jorge García Marín e Iria Vázquez Silva. O segundo poñerá o foco nos retos da intelixencia artificial para os dereitos fundamentais, con José Julio Fernández, Laura Castro, Paloma Piot Pérez-Abadín e Teresa Piñeiro Otero. Pola tarde, a xornada afondará nas estéticas da submisión e na radicalización dixital con Elisa García-Mingo e Nuria Alabao.

A cita reservará tamén un espazo para as redes sociais e a creación de contidos, cun conversatorio final no que participarán Antón, Miguel García, María Prado Rúa e Leti 'Adochinto', arredor da cara máis vulnerable da exposición dixital.

Esta xornada forma parte da campaña 25/26 de 'De Fronte', o proxecto da Deputación contra a violencia de xénero, que neste curso centra os seus materiais e accións nas novas formas de violencia machista no ámbito dixital.

0.11712098121643