A Deputación lanza unha serie de microvídeos para loitar contra a LGBTfobia e desmontar prexuízos
A Deputación da Coruña, a través da súa área de Igualdade, reforza a campaña “Ser e Sentir” cunha serie de 10 microvídeos deseñados para combater a desinformación e desmontar os prexuízos sobre o colectivo LGBT+. Os vídeos, que xa están dispoñibles na páxina web seresentir.gal, no canal de YouTube da Deputación e nas súas redes sociais, teñen como obxectivo alcanzar unha audiencia ampla e promover a tolerancia e a empatía a través da información.
Bautizada como #DesmontandoPrexuízos, esta serie audiovisual aborda desde a necesidade de educación sexual na mocidade e a transfobia no deporte ata o significado das bandeiras LGBT+ e a visibilidade de referentes LGBT+ para a xuventude. “Queremos achegar información para romper as mentiras que a diario se difunden e que só buscan estender odio e intolerancia,” sinalou Soledad Agra, deputada de Igualdade. "Con estas pequenas pezas, pretendemos crear un espazo de reflexión e empatía.”
A iniciativa xorde como resposta ao aumento dos discursos de odio nas redes sociais, onde a Deputación de A Coruña considera esencial trasladar unha mensaxe inclusiva. Os microvídeos difundiránse durante varias semanas para manter un impacto continuado e facilitar o acceso á información veraz sobre a realidade do colectivo LGBT+.