A Deputación lanza a súa campaña para o 25N: ‘Corta coa Violencia Machista’
A área de Igualdade da Deputación da Coruña lanzou a campaña ‘Corta coa Violencia Machista’, unha nova acción que busca a sensibilización, prevención e difusión de recursos fronte á violencia de xénero. Máis de 130 salóns de peiteado e centros de estética de Culleredo, Cambre e Carral participan nesta iniciativa, presentada hoxe pola deputada de Igualdade, Sol Agra, acompañada pola técnica Eva Ovenza e a coordinadora Cristina Bajo.
Segundo Agra, a campaña pretende que o persoal destes centros actúe como axentes para a prevención e visibilización das condutas machistas. A deputada destacou que “non se debe actuar só en datas concretas”, subliñando a importancia de crear ao longo do ano “unha rede de espazos aliados que contribúan a erradicar a violencia de xénero”.
O obxectivo é aproveitar os espazos de confianza que estes centros ofrecen, onde as mulleres acoden frecuentemente, permitindo a detección de situacións de violencia. Ademais, o persoal dos centros recibirá asesoramento especializado para saber como actuar ante posibles casos de violencia e facilitar o acceso a información de axuda. Nestes locais tamén se colocarán folletos informativos cos números de contacto para as vítimas.
Eva Ovenza fixo balance do traballo en igualdade e prevención que realiza a Deputación, abordando temas como saúde mental e xénero, o apoio ás diversidades sexuais e a sensibilización a través de iniciativas literarias como a obra de Antía Yáñez. Cristina Bajo, pola súa parte, explicou que a campaña continuará ata final de mes, mais confía en que a colaboración cos centros se manteña no tempo, facendo destes espazos puntos permanentes de apoio e información para as mulleres.