A Deputación impulsa a campaña 'Moito coidado' para previr as ITS con perspectiva de xénero

O IES Rafael Puga Ramón converteuse hoxe no escenario da estrea de “Moito coidado”, unha campaña promovida pola Deputación da Coruña para previr as infeccións de transmisión sexual (ITS) desde unha perspectiva de xénero. A deputada de igualdade, Soledad Agra, liderou a presentación xunto ao director do centro, Pablo González, e a técnica de igualdade da Deputación, Eva Ovenza.
Durante o evento, que incluíu a proxección do spot e unha dinámica de grupo, destacouse a urxencia de abordar o incremento das ITS como unha forma de violencia de xénero. Agra subliñou que estas infeccións "adoitan estar vinculadas a prácticas de risco e enganos, resultado dunha educación sexual insuficiente e do impacto de roles patriarcais promovidos pola pornografía".
Os responsables da campaña, Judit Cabana e Carlos Álvarez, explicaron como os estereotipos de xénero fomentan condutas perigosas. Mentres os homes normalizan prácticas de risco, as mulleres sofren presións sociais que levan ao falso consentimento e á indefensión, situacións que contribúen ao contaxio das ITS.
A campaña, baixo o lema “Mudemos a violencia por coidado”, busca visibilizar estas dinámicas e promover unha resposta baseada na Ética dos Coidados. Ademais das pezas audiovisuais, inclúe material divulgativo dispoñible na plataforma defronte.gal e accións formativas que se realizarán nos vindeiros meses para fomentar a educación afectivo-sexual con enfoque feminista.