A Deputación homenaxea a figura de Trinidad Falcés coa exposición ‘Relembrando a Trini’

ACoruñaXa
A mostra, acompañada de charlas e a presentación dun libro, celebra a vida e loita da activista trans galega
Presentación exposición ‘Relembrando a Trini’
26 Dec 2024

A Deputación da Coruña, a través da súa área de Igualdade, presentou hoxe a exposición ‘Relembrando a Trini’, unha iniciativa que busca honrar a figura de Trinidad Falcés, unha muller trans nada na Coruña que destacou como activista polos dereitos do colectivo LGBTIQ+. A mostra inaugurarase o 10 de xaneiro ás 19:00 horas na biblioteca municipal Durán Loriga, onde permanecerá aberta ao público ata o día 20.

A deputada de Igualdade, Soledad Agra, acompañada do comisario da exposición, Sergio Marey, e do representante da asociación Palestra, Fito Ferreiro, destacou a relevancia desta homenaxe: “Queremos recuperar a Trini e a memoria de todas aquelas persoas que sufriron exclusión por ser ou sentir diferente. É a nosa responsabilidade como administración pública darlles voz e construír unha realidade máis xusta”.

A exposición recolle fotografías, recortes de prensa, vídeos e outros materiais que relatan a vida e a loita de Trinidad Falcés, que viviu en Barcelona durante 30 anos, onde participou na primeira marcha LGBT do Estado español en 1977. Tamén estivo presa nun campo de concentración pola súa identidade e, en 2019, recibiu o premio Marcela e Elisa da asociación ALAS. Trinidad faleceu na Coruña en agosto de 2022, pero o seu legado segue vivo grazas a iniciativas como esta.

Ademais da exposición, o día da inauguración presentarase o libro "É mellor loitar que morrer de fame", escrito por Sergio Marey, que aborda a vida de Trini. O evento contará tamén con dúas charlas: “Situación trans onte, hoxe e mañá”, impartida pola activista trans Laura Bugallo, e “Cuiruña e a importancia da literatura cuir”, a cargo de Diego Maseda, coordinador do club de lectura cuir da Rede de Bibliotecas da Coruña.

A homenaxe continuará con charlas adicionais en dous concellos da provincia, impartidas por Sergio Marey e Fito Ferreiro, que afondarán na vida de Trinidad e na súa contribución á loita polos dereitos do colectivo.

O comisario da exposición, Sergio Marey, destacou que esta iniciativa é unha honra persoal: “Trini foi unha sobrevivente, unha loitadora constante. O libro e a mostra son intentos de construír e compartir a súa historia, tan complexa e única”. Pola súa parte, Fito Ferreiro lembrou a precariedade na que viven moitas persoas maiores LGBTIQ+: “Non podemos esquecer a quen loitou para que nós tivésemos máis liberdade. Recuperar a Trini é recuperar os referentes que temos en Galiza”.

Esta actividade enmárcase no compromiso da Deputación coa recuperación da memoria diversa e a visibilización do colectivo LGBTIQ+, traballando por unha sociedade máis igualitaria e inclusiva.

0.16330599784851