A Deputación financia vehículos para os servizos de Axuda no Fogar de cinco novos concellos
A Deputación da Coruña destinará 100.000 euros para financiar a compra de cinco novos vehículos que facilitarán os desprazamentos diarios das traballadoras e traballadores dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF) en Boimorto, Paderne, Dumbría, Santiso e Toques. A resolución provisional destas axudas foi publicada hoxe no Boletín Oficial da Provincia.
Con esta medida, xa son 20 os concellos da provincia que dispoñen de vehículos específicos financiados pola Deputación para apoiar o traballo do persoal do SAF, un servizo fundamental que atende a persoas maiores nos seus domicilios. Esta liña de axudas responde á demanda presentada polas traballadoras durante reunións mantidas con Valentín González Formoso, presidente da Deputación, e Mar García Vidal, deputada de Política Social.
“Con estes vehículos seguimos mellorando as condicións do traballo das coidadoras, especialmente nos concellos rurais, onde os desprazamentos son máis frecuentes debido á dispersión da poboación. A nosa intención é ampliar este apoio en cada convocatoria”, destacou Formoso.
Os concellos que recibiron esta axuda foron seleccionados en función dos criterios establecidos na convocatoria, que busca facilitar a mobilidade nun traballo que require un elevado número de desprazamentos diarios.
Os municipios que xa dispoñen dun vehículo financiado pola Deputación son As Pontes, As Somozas, Aranga, Carnota, Irixoa, Mañón, Ortigueira, Outes, Tordoia, Oza-Cesuras, Cabanas, A Baña, Mesía, Dodro, Coirós, Boimorto, Paderne, Dumbría, Santiso e Toques.