A Deputación financia con 110.000 euros a programación cultural e de divulgación científica da UDC

ACoruñaXa
A través dun convenio de colaboración, apoiarase xornadas, obradoiros creativos, cursos, exposicións, residencias artísticas e ciclos de música e cinema, entre outras actividades
UDC e a Deputación da Coruña
18 Out 2024

A Deputación da Coruña destina un total de 110.000 euros para financiar a programación cultural e de divulgación do coñecemento científico da Universidade da Coruña durante o presente curso académico.

O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, e o reitor da UDC, Ricardo Cao, asinaron o convenio de colaboración, que contempla diferentes liñas de actuación no ámbito da cultura organizadas pola institución académica coruñesa. O orzamento total do programa ascende a 137.500 euros, do que a Deputación achega o 80%.

Formoso destacou que, con este apoio, a Deputación contribúe a manter unha programación cultural de calidade e un amplo calendario de actividades de divulgación científica, accesibles tanto para o alumnado como para a cidadanía en xeral.

Dentro deste ciclo de actividades financiadas pola Deputación inclúese a First Lego League 2024, que se celebra por décimo ano no Campus industrial de Ferrol. Este programa de ámbito internacional desafía á mocidade a resolver problemas do mundo real, como a reciclaxe, a educación e as enerxías renovables, a través da ciencia e da tecnoloxía.

O convenio inclúe tamén unha serie de obradoiros creativos realizados en diversos ámbitos da arte e da cultura, así como aulas de teatro e danza, un clube de lectura coordinado pola escritora Antía Yáñez e residencias artísticas que apoian proxectos de investigación e creación en teatro, escritura dramática, danza, música e artes visuais, entre outros. Deste xeito, ofrécese aos artistas recursos infraestruturais, técnicos e humanos para o desenvolvemento das súas iniciativas.

A financiación da Deputación serve tamén para apoiar o coro da UDC, creado en 1990, e distintas exposicións e actividades na Normal, que inclúen ciclos de música, masterclasses e obradoiros de creación en distintas disciplinas artísticas.

0.097933053970337