A Deputación financia con 100.000 euros o programa formativo e cultural da UNED
A Deputación da Coruña reforza o seu compromiso coa formación e a cultura, destinando 100.000 euros ao Centro Asociado da UNED na Coruña para financiar o programa de actividades formativas e culturais deste ano.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a directora do centro, Ana Mónica Novo, asinaron o convenio de colaboración que sustenta esta iniciativa. Grazas a este acordo, a UNED desenvolveu 85 actividades, conferencias e cursos nos que participaron 8.421 persoas, abranguendo áreas como o Dereito, a investigación social, a literatura, a historia, as ciencias da saúde e as novas tecnoloxías.
Formoso destacou a importancia deste programa pola súa capacidade para “ofrecer un amplo abano formativo accesible a persoas de todas as idades na provincia, permitindo ampliar coñecementos e obter certificacións de alto nivel”.