A Deputación embelece o Camiño Inglés e Fisterra-Muxía con murais inspirados nas lendas e historia local

ACoruñaXa
Culleredo, Paderne, Dumbría e Fisterra contan con novos murais creados por artistas locais para destacar a riqueza cultural das súas rutas
Presentación de Arte no Camiño
7 Nov 2024

A Deputación da Coruña lanzou a iniciativa ‘Arte no Camiño’, un proxecto de murais artísticos que busca embelecer o entorno dos roteiros do Camiño Inglés e de Fisterra-Muxía, ademais de poñer en valor a historia e tradicións que caracterizan estas rutas.

A presentación oficial da iniciativa celebrouse hoxe en Almeiras e contou coa participación de Antonio Leira, deputado de promoción do Camiño Inglés, xunto a representantes municipais e artistas coma MØU e Xoana Almar, da cooperativa Cestola na Cachola. Leira sinalou que “Arte no Camiño combina a tradición do Camiño de Santiago coa arte contemporánea, enchendo de significado espazos urbanos nos municipios de Culleredo, Paderne, Dumbría e Fisterra, con plans de expansión a outros concellos das rutas”.

Cada mural conta cun deseño único vinculado á cultura local, elaborados por artistas locais, e pretende reforzar a identidade do Camiño, mellorando ao mesmo tempo a estética das localidades. Lidia Cao pintou en Culleredo un mural baseado nas lendas de Monte Xalo, con elementos de maxia e tradición e a figura dunha peregrina que simboliza o poder da crenza positiva.

A cooperativa Cestola na Cachola recreou en Paderne a lenda medieval da Ponte do Porco, centrada no amor entre Roxín Roxal e Teresa, nobre de Pontedeume. En Dumbría, MØU plasmou a figura mítica do ‘Vákner’, un ser metade home e metade lobo vinculado ao folclore local. Finalmente, en Fisterra, Nove Noel representou a diversidade de peregrinos que chegan ao cabo, con figuras camiñando en distintas direccións.

A Deputación destaca que ‘Arte no Camiño’ enmárcase no Plan Director dos Camiños de Santiago en Galicia 2022-2027, promovendo a valorización cultural e a sostenibilidade, e reforzando a atracción turística cara aos Camiños Inglés e Fisterra-Muxía.

 

0.16654801368713