A Deputación e o Concello de Curtis asinan o convenio para xestionar o Centro Etnográfico Río Mandeo de Teixeiro en 2026


A Deputación da Coruña e o Concello de Curtis formalizaron este venres, 13 de febreiro, un convenio de colaboración para a xestión integral do Centro Etnográfico de Curtis, situado en Teixeiro, correspondente á anualidade 2026. O documento foi asinado polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e polo alcalde de Curtis, Javier Francisco Caínzos Vázquez.
O acordo recolle unha achega da Deputación de 24.713,86 euros, o que supón o 68% dun orzamento total de 36.111,13 euros, e terá vixencia entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026. O Centro Etnográfico de Teixeiro é un equipamento dependente da Deputación e intégrase no proxecto de posta en valor do patrimonio natural e etnográfico da conca do Mandeo.
Segundo se establece no convenio, o centro deberá manter un horario mínimo de apertura de martes a venres en mañá e tarde, e de sábado e domingo en horario de mañá, permanecendo pechado os luns e festivos. A colaboración permitirá dar continuidade á actividade habitual dun espazo que acolle exposicións, visitas guiadas, obradoiros, cursos e encontros, e que no último exercicio desenvolveu programación con centros escolares, asociacións culturais e entidades xuvenís. Para este 2026, segundo avanzan as partes, xa hai reservas de visitas escolares para maio e xuño e interese de distintas entidades sociais en seguir empregando o centro como recurso cultural, formativo e comunitario.