A Deputación destina máis de 880.000 euros aos servizos sociais de seis concellos da comarca

ACoruñaXa
Abegondo, Betanzos, Carral, Miño, Paderne e Sada recibirán financiamento para cubrir máis de 30.700 horas de axuda no fogar e 19 postos de traballo nos servizos sociais municipais en 2027
DIPU CORU reunion rianxo
19 Nov 2026

A Deputación da Coruña destinará un total de 882.080 euros aos servizos sociais de Abegondo, Betanzos, Carral, Miño, Paderne e Sada durante o ano 2027. O investimento forma parte do Programa de Servizos Sociais Comunitarios, cuxas bases foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia, e permitirá financiar máis de 30.700 horas de atención no fogar e 19 postos de persoal administrativo e técnico nos equipos municipais.

A principal novidade do programa é o incremento da achega provincial para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de libre concorrencia, que pasa de 14 a 16 euros por hora. A suba, do 14,3 %, busca reforzar o financiamento municipal dunha prestación destinada a persoas que necesitan apoio para desenvolver as actividades da vida diaria e permanecer nas súas casas.

Sada é o concello dos seis que recibirá unha maior achega, con 248.096 euros, dos que se contemplan 10.256 horas de atención no fogar e o financiamento de catro postos de traballo nos servizos sociais municipais. Carral contará con 170.000 euros para 7.000 horas de SAF e tres empregos, mentres que Abegondo recibirá a mesma cantidade para 6.500 horas e tres postos.

Betanzos disporá de 149.728 euros, que permitirán financiar 4.108 horas de atención domiciliaria e catro postos de traballo. En Miño, a achega ascenderá a 80.256 euros para 1.416 horas de SAF e tres empregos, mentres que Paderne contará con 64.000 euros, 1.500 horas de atención e dous postos.

O programa provincial destinará un total de 9,63 millóns de euros aos servizos sociais dos 82 concellos da Coruña con menos de 20.000 habitantes. A partida supón un incremento do 9 % respecto aos 8,8 millóns previstos para este ano e permitirá financiar preto de 380.000 horas de atención a domicilio e 177 postos de traballo nos equipos municipais.

Máis financiamento para a atención no fogar

A Deputación prevé destinar 6,07 millóns de euros ao SAF de libre concorrencia, un servizo que permite prestar apoio a persoas que precisan axuda na súa vida diaria, tanto aquelas que non teñen recoñecida unha situación de dependencia como as que, téndoa recoñecida, aínda non acceden efectivamente á prestación correspondente.

O incremento da achega provincial a 16 euros por hora permitirá que os concellos asuman unha menor parte do custo deste servizo. Así, un municipio que preste 5.000 horas de atención poderá recibir 80.000 euros, 10.000 máis que co importe previsto para 2026.

A convocatoria tamén contempla 3,55 millóns de euros para financiar os salarios e as cotizacións á Seguridade Social de 177 profesionais dos servizos sociais municipais, dos que 86 son administrativos e 91 persoal técnico.

O prazo para presentar as solicitudes abrirase o próximo 25 de novembro e permanecerá activo ata o 18 de decembro.

0.13451910018921