A Deputación destina 3,8 millóns de euros para apoiar entidades sociais da provincia

A Deputación da Coruña anunciou a apertura do prazo para solicitar subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro que traballen no ámbito dos servizos sociais e a igualdade en 2025. Con esta medida, a Deputación destina 3,8 millóns de euros para financiar programas, servizos, contratación de persoal e melloras nos centros das entidades sociais. O prazo para presentar solicitudes comeza mañá, venres 15 de novembro, e finalizará o 16 de decembro ás 14:00 horas.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou que esta iniciativa beneficiará a máis de 270 entidades da provincia e permitirá "mellorar a vida de miles de persoas en situacións vulnerables". Engadiu que, con subvencións adicionais, a Deputación alcanzará os 4,5 millóns de euros de apoio ás entidades sociais, facilitando así a creación de proxectos que teñan un impacto positivo na sociedade.
A deputada de Política Social, Mar García Vidal, explicou que as axudas están destinadas a financiar programas que inclúan atención psicosocial, intervención socioeducativa, activación socio-laboral, inserción laboral e tratamentos terapéuticos. Así mesmo, cubrirán servizos de apoio ás entidades sociais, iniciativas de igualdade de xénero e mantemento de centros sociais.
Entre as liñas de subvención destacan as seguintes:
- Unha partida de 900.000 euros para programas de atención psicosocial, intervención socioeducativa e activación socio-laboral. Cada entidade poderá recibir ata 40.000 euros, sempre que o proxecto presente un orzamento de entre 1.000 e 60.000 euros.
- Unha dotación de 1.000.000 euros para investimentos en centros de menores, de atención á infancia, residenciais, ocupacionais, de día, de acollida, bancos de alimentos, albergues e comedores sociais. As subvencións poden cubrir proxectos cun orzamento de entre 750 e 200.000 euros, sendo a cantidade máxima por entidade de 60.000 euros.
- Unha liña de 900.000 euros destinada ao mantemento de centros de servizos sociais, que permitirá financiar o 100% dos proxectos con orzamentos entre 10.000 e 80.000 euros. Estes fondos abranguen gastos en bens, materias primas, arrendamentos, subministracións, seguros e soldos, entre outros.
- Unha partida de 500.000 euros para programas sociosanitarios dirixidos a persoas con enfermidades crónicas ou que necesiten coidados prolongados, cunha subvención de entre 1.250 e 100.000 euros por entidade.
- Unha liña de 550.000 euros destinada a programas de igualdade de xénero e de loita contra a violencia de xénero.
As bases reguladoras e toda a información están publicadas no Boletín Oficial da Provincia do 14 de novembro, dispoñible para consulta aquí.