A Deputación destina 1,3 millóns de euros a garantir un segundo ano de contrato indefinido a 150 traballadores en pequenas empresas
A Deputación da Coruña publica hoxe no BOP a resolución de concesión das axudas da liña de PEL-PEMES Mantemento do cadro de persoal, que subvenciona con 1,3 millóns de euros as contratacións indefinidas- por segundo ano consecutivo- de 150 persoas traballadoras en pemes e microempresas con domicilio fiscal nun concello de menos de 20.000 habitantes da provincia.
Estas axudas súmanse ás 339 novas contratacións aprobadas o pasado mes de maio ao abeiro do programa PEL-PEMES 2024, polo que en total 489 persoas terán oportunidade de acceder a un emprego grazas esta liña do Plan de Emprego Local (PEL).
As axudas PEL-Pemes Mantemento incentivan o emprego estable e de calidade, subvencionando durante os 12 meses da anualidade 2024 o contrato das persoas traballadoras contratadas ao abeiro da convocatoria de PEL-Pemes Creación 2023 na modalidade de contrato indefinido ou que o transformaran a esta tipoloxía con anterioridade á presentación da solicitude.
Grazas á concesión destas axudas, un total de 150 profesionais autónomos e autónomas, microempresas e pemes de concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia recibirán unha subvención de ata o 50% dos custos laborais do traballador ou traballadora contratado, incluíndo os custes de soldos e salarios, seguridade social e demais gastos sociais.
A contía máxima da subvención a conceder é do 50% dos custes estimados de contratación, cun límite de 11.000 euros polo mantemento durante 12 meses dun contrato indefinido a xornada completa no que a persoa contratada pertenza a algún dos colectivos vulnerables (inscrito como desempregado de longa duración nos Servizos Públicos de Emprego, muller, menor de 30 anos, maior de 45 anos ou persoa con diversidade funcional) e de 10.000 euros polo mantemento durante 12 meses dun contrato indefinido a xornada completa ou a parte proporcional correspondente naquelas contratacións realizadas a tempo parcial.
Atendendo á distribución das axudas concedidas por concellos destacan as pemes de Vimianzo (10 subvencións concedidas por un importe de 91.666,10 euros), Mazaricos (9 subvencións concedidas por un importe de 81.751,36 euros) e Cee (7 subvencións concedidas por un importe de 65.700,00 euros).
Por comarcas, destaca a de Santiago con 43 solicitudes concedidas, o que representa o 28 % das solicitudes concedidas totais e un importe de 379.556,0 euros e a de Carballo con 34 solicitudes concedidas por un importe de 306.509,88 euros.
En canto á xornada de traballo, o 77% dos beneficiarios solicitan a axuda para manter un contrato indefinido a xornada completa e o 23% para o mantemento dun indefinido a xornada parcial. E tendo en conta a pertenza a algún dos colectivos vulnerables pódese destacar que o 60% das solicitudes concedidas son para a contratación de colectivos vulnerables.
Atendendo á tipoloxía de empresa, a meirande parte dos beneficiarios son empresarios/as individuais ou autónomos/as, xa que supoñen máis da metade das solicitudes concedidas, concretamente o 64,67% do total.
Tamén resulta destacable que máis do 60% das empresas beneficiarias pertencen ao sector terciario (95 concesións), destacando as destinadas ao turismo e comercio. Seguido das empresas beneficiarias do sector primario que supoñen o 18% (28 concesións).
O PEL continúa a ser unha aposta transversal do Goberno da Deputación ao que se veñen destinando importantes recursos nos últimos anos. Grazas a este investimento sen precedentes na área de emprego, nos 7 anos transcorridos desde a creación do PEL, a Deputación axudou a crear 7.196 empregos nos sectores público e privado.
A listaxe completa das empresas que se beneficiarán este ano das axudas de PEL-PEMES MANTEMENTO pode consultarse na seguinte ligazón.