A Deputación destaca a importancia do “Proxecto The Key”, a nova escola de empregabilidade da Cidade das TIC
A deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosa Ana García, destacou este mércores o “paso adiante” que supón para a Cidade das TIC da Coruña a posta en marcha do ‘Proxecto The Key’, a súa nova escola de empregabilidade. No acto de presentación do plan de estudos e emprego, García puxo en valor “a aposta pola formación técnica para persoas con competencias técnicas”.
A representante da Deputación da Coruña quixo felicitar aos responsables desta iniciativa por “impulsar esta formación que pasará a ser referencia en Galicia pola súa especifidade”. Neste sentido, cómpre destacar que ‘The Key’ conta co apoio da institución provincial e en outubro comezará a ofrecer os seus dous primeiros programas formativos: Enxeñaría de Intelixencia Artificial Xerativa e Arquitectura Cloud AWS. Ambas as dúas son formacións que contarán con 20 prazas dedicadas a formar a graduados ou profesionais tecnolóxicos para desempeñar funcións de alto nivel de especialización.
García engadiu que ‘The Key’ permitirá “terminar de moldear o talento e responder ás necesidades do mercado”. Un mercado que ten unha alta presenza na provincia da Coruña, pois segundo os datos do Clúster Galego das TIC, case o 70% das empresas do sector teñen base no territorio coruñés.
“Somos unha referencia a nivel galego e, seguro, pronto o seremos a nivel estatal grazas aos froitos que darán a Cidade das TIC ou a consolidación da cidade da Coruña como sede da Agencia Española de Inteligencia Artificial. Este nacemento do Proyecto The Key é, sen lugar a dúbidas, un paso fundamental neste proceso de maduración”, manifestou.
Rosa Ana García finalizou destacando que esta iniciativa complementa os servizos da Cidade das TIC, que xa conta con espazos para o asentamento de empresas, para a investigación e, moi cedo, co vanguardista plató virtual Coruña Estudo Inmersivo (CEI) impulsado pola Deputación da Coruña. A deputada lembrou que o ente provincial amosou unha gran ambición impulsando estas instalacións, ás que destina preto 9 millóns de euros, cofinanciado con fondos propios e fondos do Plan de Recuperacion- Next Generation UE do Goberno de España . “O gasto é importante, pero sabemos que dará os seus réditos. Porque a partires deste mesmo ano, este plató permitirá non só aumentar a competitividade das empresas galegas do sector, senón tamén atraer producións de televisión, cine e videoxogos de toda Europa grazas á súa singularidade”, rematou.