A Deputación de A Coruña impulsa unha viaxe pola identidade galega a través da música e o teatro

A historia da galeguidade tamén se escribiu sobre os escenarios. A Deputación da Coruña acolleu a presentación de 'A música dos desprazados. Teatro lírico e galeguidade durante o longo século XVIII', unha investigación de Javier Gándara Feijóo que propón unha nova lectura da cultura galega a través do teatro musical e das artes escénicas.
A obra, publicada por aCentral Folque co apoio da área de Cultura da Deputación, analiza como determinadas representacións teatrais e musicais contribuíron hai máis de dous séculos e medio a configurar imaxes, símbolos e discursos asociados á identidade galega. Moitas destas creacións xurdiron mesmo fóra de Galicia, en espazos conectados coas redes culturais da Península Ibérica e do Atlántico.
O libro afástase da visión dunha Galicia illada ou periférica e presenta unha sociedade dinámica, con vínculos artísticos e intelectuais amplos. A investigación percorre a realidade histórica e a ficción escénica do século XVIII para amosar unha Galicia plural, urbana e rural, marcada tamén pola mobilidade, a emigración e os desprazamentos.
A deputada de Cultura, Natividade González, destacou durante a presentación o carácter innovador da publicación e o seu valor para coñecer mellor o pasado cultural galego. No acto participaron tamén o autor da obra e o editor de aCentral Folque, Ramon Pinheiro Almuinha.
Un dos elementos máis relevantes do volume é a incorporación da edición diplomática da 'Representación a San Roque', unha peza teatral do século XVIII que permanecía inédita ata agora. O texto conserva amplas pasaxes en lingua galega nun tempo no que o seu uso público estaba fortemente limitado, o que lle dá un especial interese para a historia cultural e lingüística de Galicia.
Con esta publicación, a Deputación reforza o seu apoio á investigación e á divulgación do patrimonio cultural galego, ao tempo que recupera unha parte menos coñecida da relación entre música, teatro e identidade colectiva.