A Deputación da Coruña reparte preto dun millón de euros entre 52 concellos para impulsar a economía local

A Deputación da Coruña destinará este ano 962.953,75 euros a financiar actividades de promoción económica en 52 concellos da provincia, unha liña de axudas coa que pretende apoiar iniciativas capaces de dinamizar o comercio, a hostalaría, o turismo e o emprego nos municipios.
A convocatoria inclúe proxectos moi diversos, desde feiras de emprego e campañas de dinamización comercial ata festas gastronómicas, eventos culturais e iniciativas de promoción turística. Segundo explicou a institución provincial, o obxectivo é contribuír ao desenvolvemento económico local mediante actividades que favorezan a creación de oportunidades e atraian visitantes.
Entre os proxectos que recibirán unha maior achega económica figuran iniciativas como a Semana de Emprego 'A Laracha Conecta', a Festa do Pan de Neda, o Oenach Atlántico de Narón, a Festa do Polbo de Mugardos, as Festas de San Roque e a Sardiñada de Sada, a Festa da Pataca de Coristanco, a Festa do Melindre de Melide ou diferentes campañas de promoción do comercio local en concellos como Betanzos, Noia, Arzúa ou Culleredo.
Na comarca de Ferrolterra resultaron beneficiarios os concellos de Fene (10.000 euros), Cedeira (9.900 euros), Moeche (8.505 euros), Mugardos (30.000 euros), Narón (30.000 euros), Neda (30.000 euros) e San Sadurniño (14.762,28 euros), que destinarán estes fondos á organización de eventos gastronómicos, culturais e accións de promoción económica.
Na área da Coruña tamén recibirán financiamento municipios como Abegondo (6.080 euros), Ares (9.720 euros), Arteixo (17.500 euros), Betanzos (30.000 euros), Carral (12.540 euros), Culleredo (19.920,86 euros), Miño (21.120 euros), Oleiros (13.800 euros), Paderne (10.000 euros), Pontedeume (26.859 euros) e Sada (30.000 euros), entre outros.
O vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, destacou que esta convocatoria busca reforzar o papel dos concellos como motores da actividade económica e apoiar eventos que contribúan a dinamizar a economía e a vida social dos municipios.
A través desta liña de subvencións, a institución provincial continúa apostando por iniciativas que, ademais do seu valor cultural ou festivo, teñen un impacto directo sobre sectores como a hostalaría, o comercio de proximidade e o turismo, especialmente durante os meses de maior actividade.