A Deputación da Coruña reparte máis de 610.000 euros entre 41 entidades para impulsar o comercio e o emprendemento

A Deputación da Coruña destina 610.055,08 euros a 41 entidades e asociacións empresariais da provincia para financiar durante 2026 diferentes actividades de promoción económica a través do programa FOENAA. A concesión definitiva destas subvencións foi publicada este mércores no Boletín Oficial da Provincia.
As axudas están dirixidas a impulsar iniciativas relacionadas coa dinamización do comercio e da hostalaría, promoción empresarial, emprendemento, internacionalización, innovación e economía social e circular, ademais de apoiar a celebración de feiras, encontros profesionais e outras actividades destinadas a fortalecer o tecido económico.
Entre as entidades beneficiarias hai asociacións de comerciantes e empresarios, centros comerciais abertos, cámaras de comercio, clústeres e colexios profesionais. As actuacións distribuiranse por diferentes puntos da provincia e estarán adaptadas ás necesidades económicas de cada territorio.
21.000 euros para Arteixo Centro Comercial Aberto
Entre as entidades que recibirán unha das maiores contías figura Arteixo Centro Comercial Aberto, que contará con 21.000 euros para desenvolver o seu programa de promoción económica.
A mesma cantidade será concedida á Asociación Boirense de Empresarios e Profesionais Autónomos para actividades de promoción e dinamización comercial e ao Centro Comercial Aberto de Carballo para accións de promoción, difusión e animación do comercio local.
En Santiago, Compostela Monumental recibirá tamén 21.000 euros para o seu Plan de Dinamización Comercial e para fomentar o emprego feminino no comercio. Pola súa parte, Punto Compostela CCA contará con 20.165,68 euros para iniciativas destinadas a incrementar as vendas, fidelizar clientes e potenciar o comercio de proximidade.
Axudas para entidades de Ferrolterra
O programa tamén contempla diferentes subvencións para entidades da comarca de Ferrolterra. O Centro Comercial Aberto Ferrol-A Magdalena recibirá 7.260 euros para accións de comunicación e promoción, mentres que a Asociación de Empresarios de Hostalaría de Ferrol e Comarca contará con 13.500 euros para actividades de dinamización.
A Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal percibirá, pola súa banda, 10.455 euros para desenvolver o seu programa de actividades durante 2026.
Apoio ao emprendemento e aos sectores estratéxicos
As axudas tamén alcanzan iniciativas de carácter provincial. A Cámara de Comercio da Coruña recibirá 21.000 euros para organizar a XIII edición de Exporpymes, mentres que a Federación Galega de Xoves Empresarios contará coa mesma contía para impulsar a actividade empresarial e emprendedora.
Tamén se conceden 21.000 euros á Asociación de Jóvenes Empresarios da Coruña para desenvolver o programa AJE Conecta e outros 21.000 euros ao Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec) para a segunda fase do proxecto Emprendendo en Circular.
Pola súa parte, a Unión Leiteira Galega recibirá 20.837,11 euros para organizar xornadas e accións expositivas sobre o impacto do acordo UE-Mercosur e a mellora da competitividade e comercialización do sector lácteo.
Feiras e iniciativas de dinamización
A convocatoria inclúe tamén apoio económico para diferentes feiras e eventos que contribúen á promoción das actividades económicas e produtos locais.
Entre os proxectos subvencionados están a Festa da Filloa de Lestedo, que recibirá 21.000 euros; a Xuntanza Abelleira e a 41ª Mostra Galega de Apicultura, con 11.220 euros; a Xuntanza de Palilleiras de Vimianzo, con 5.280 euros; e a feira Curtis na Lembranza. As feiras do 1900, que contará con 9.000 euros.
A Deputación destaca que o programa FOENAA permite apoiar proxectos moi diversos e repartidos polo territorio provincial, desde campañas para favorecer as vendas e fidelizar a clientela do pequeno comercio ata iniciativas vinculadas á innovación, o emprendemento, a sustentabilidade e a promoción de sectores estratéxicos.