A Deputación da Coruña reparte 8,66 millóns en axudas para autónomos e pequenas empresas

GaliciaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
O prazo para solicitar as subvencións do PEL 2027 xa está aberto e rematará o 18 de decembro; as catro liñas son compatibles e permiten recibir ata 48.900 euros por beneficiario
DIPU CORU pel
24 Nov 2026

A Deputación da Coruña abriu este martes, 24 de novembro, o prazo para solicitar as axudas do Plan de Emprego Local (PEL) de 2027, que contan cun orzamento inicial de 8,66 millóns de euros. O programa está dirixido a pemes, microempresas e persoas autónomas dos concellos rurais da provincia e busca impulsar a contratación, manter postos de traballo, modernizar negocios e aliviar os gastos fixos das actividades económicas.

As persoas e empresas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 18 de decembro ás 14.00 horas. A tramitación deberá realizarse exclusivamente a través da plataforma SUBTeL da Deputación.

O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destacou a importancia do programa para fortalecer o tecido empresarial dos municipios máis pequenos, favorecer a creación de emprego e facilitar que os negocios poidan consolidarse e medrar.

A convocatoria distribúe os fondos en catro liñas de subvencións compatibles entre si. Deste xeito, as empresas e persoas autónomas que cumpran os requisitos de todas elas poderán acumular ata 48.900 euros en axudas. Ademais, a Deputación manterá unha maior puntuación para aqueles negocios que non recibisen subvencións do PEL en edicións anteriores.

O orzamento inicial tamén poderá incrementarse se as necesidades da convocatoria así o requiren.

Ata 12.000 euros para novas contratacións

A liña PEL-Pemes Creación e Ampliación de Postos de Traballo dispón de 3,5 millóns de euros para apoiar novas contratacións en pequenas e medianas empresas, microempresas e negocios de persoas autónomas situados en concellos de menos de 20.000 habitantes.

As subvencións cubrirán ata o 60% dos custos salariais e da Seguridade Social, cun límite de 12.000 euros por contrato a xornada completa.

Pola súa banda, PEL-Pemes Mantemento conta con 1,2 millóns de euros para favorecer a continuidade dos contratos indefinidos formalizados ao abeiro da convocatoria de 2026. A axuda poderá alcanzar os 10.000 euros por posto de traballo, unha cantidade que ascende a 11.000 euros no caso das persoas pertencentes aos colectivos vulnerables recollidos nas bases.

Ata 17.500 euros para investir nos negocios

A terceira modalidade, PEL-Emprende Investimento, está dotada con 2,76 millóns de euros e diríxese a empresas e persoas autónomas de municipios con menos de 10.000 habitantes.

Esta liña permite financiar ata o 70% dos investimentos destinados á adquisición de maquinaria, mobiliario, aplicacións informáticas e equipos tecnolóxicos vinculados directamente coa actividade empresarial. O importe máximo será de 17.500 euros por beneficiario.

Axudas para cotas da Seguridade Social e alugueiros

A cuarta liña, PEL-Autónomos/as, dispón de 1,2 millóns de euros para axudar a sufragar os gastos fixos das persoas traballadoras por conta propia dos concellos de menos de 10.000 habitantes.

As subvencións permitirán cubrir as cotas á Seguridade Social e os alugueiros de oficinas, locais comerciais e centros de traballo. Esta última modalidade, incorporada na convocatoria de 2026, mantense cun máximo de 500 euros mensuais. A axuda total poderá chegar aos 8.400 euros anuais.

Sesión informativa o 27 de novembro

Para facilitar a presentación das solicitudes, o persoal técnico do Plan de Emprego Local organizará unha sesión informativa este venres 27 de novembro, ás 10.00 horas. Durante o encontro explicaranse os requisitos das distintas modalidades e resolveranse as dúbidas das persoas interesadas.

A inscrición pode realizarse a través da web de Emprego da Deputación da Coruña. As bases reguladoras publicáronse no Boletín Oficial da Provincia número 224, correspondente ao 23 de novembro de 2026.

Máis de 10 millóns para 1.510 negocios na convocatoria anterior

Na edición de 2026, a Deputación concedeu un total de 10.036.501,39 euros a 1.510 pemes, microempresas e persoas autónomas da provincia.

As liñas destinadas ao emprego beneficiaron 504 empresas e profesionais autónomos, que recibiron máis de cinco millóns de euros para realizar 342 novas contratacións e manter 162 postos de traballo indefinidos.

Ademais, 730 persoas autónomas obtiveron preto de 2,2 millóns de euros para sufragar cotas á Seguridade Social e alugueiros. A liña de investimentos distribuíu máis de 2,75 millóns de euros entre 276 empresas e persoas autónomas, todas elas beneficiarias por primeira vez desta modalidade.

Desde a súa posta en marcha en 2016, o Plan de Emprego Local mobilizou máis de 140 millóns de euros, contribuíu á creación de 9.033 empregos e apoiou a posta en marcha de 15.733 empresas na provincia da Coruña.

0.1317138671875