A Deputación da Coruña reparte 206.500 euros entre 59 deportistas e prepara novas bolsas para 2027

Un total de 59 deportistas da provincia da Coruña recibirán 206.500 euros en axudas directas da Deputación para apoiar a súa preparación e participación en competicións de alto nivel. Cada persoa beneficiaria percibirá unha bolsa de 3.500 euros dentro da convocatoria destinada ás modalidades olímpicas, cuxa resolución definitiva foi publicada este martes no Boletín Oficial da Provincia.
As bolsas abranguen un amplo abano de idades, desde deportistas de 12 anos ata maiores de 33, e distribúense entre disciplinas como atletismo, natación, remo, piragüismo, taekwondo, halterofilia, xudo, bádminton, vela, tríatlon, golf ou skateboarding.
Entre os nomes que aparecen nesta edición atópanse deportistas con ampla presenza no ámbito nacional e internacional. É o caso da atleta Ana Peleteiro, medallista olímpica no triplo salto, e da mugardesa Belén Toimil, unha das principais referentes do lanzamento de peso español.
O programa provincial tamén deu apoio ao longo dos anos a outros deportistas que posteriormente acadaron importantes resultados, entre eles o boxeador coruñés Emmanuel Reyes, bronce nos Xogos Olímpicos de París, ou o piragüista betanceiro Carlos Arévalo.
As axudas chegarán a 63 deportistas este ano
A convocatoria non quedará nas 59 bolsas xa resoltas. A Deputación prevé conceder proximamente outras catro axudas, tamén de 3.500 euros cada unha, destinadas nesta ocasión a deportistas de modalidades non olímpicas.
Con estas novas incorporacións, o programa provincial alcanzará as 63 bolsas en 2026, ampliando tanto o número de persoas apoiadas como o abanico de disciplinas que poden beneficiarse do programa.
Desde a Deputación destacan que estas axudas pretenden contribuír aos gastos asociados ao deporte de alto nivel, como os adestramentos, os desprazamentos, o material deportivo e a necesidade de compaxinar a competición coa formación académica e a vida persoal.
Nove novas bolsas previstas para 2027
O programa tamén apunta xa ao vindeiro ano. O goberno provincial traballa na creación de nove novas bolsas para 2027, co obxectivo de incrementar progresivamente o número de deportistas apoiados.
A institución provincial sinala que o programa foi ampliándose nos últimos anos tanto en número de beneficiarios como na contía das axudas, cunha especial atención ao deporte feminino e a iniciativas destinadas a combater a desigualdade de xénero no ámbito deportivo.
O obxectivo é consolidar estas bolsas como unha ferramenta estable para acompañar a deportistas da provincia durante as diferentes etapas da súa carreira e facilitarlles as condicións necesarias para continuar competindo ao máximo nivel.