A Deputación da Coruña reivindica a UNED Sénior como motor de aprendizaxe ao longo da vida

ACoruñaXa
A deputada de Cultura, Natividade González, participou este mércores na entrega de diplomas do curso 2024-2025 a preto de 200 alumnas e alumnos no centro asociado da UNED na Coruña
DEPUTACIÓN uned
17 Dec 2025

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, participou este mércores no acto de entrega de diplomas do curso 2024-2025 do programa UNED Sénior, celebrado no centro asociado desta universidade na cidade da Coruña. Na súa intervención, destacou o valor desta iniciativa como ferramenta para impulsar a aprendizaxe ao longo da vida, fomentar o envellecemento activo e reforzar a participación social das persoas maiores.

González trasladou os parabéns ao alumnado que recibiu as acreditacións, preto de douscentos participantes, e puxo o foco no significado do recoñecemento. Segundo sinalou, a entrega de diplomas 'non representa só o remate dun curso académico, senón tamén o reflexo do compromiso coa aprendizaxe ao longo da vida, coa curiosidade intelectual e coa participación activa na sociedade'.

A deputada provincial definiu o programa UNED Sénior como 'un exemplo claro de que nunca é tarde para seguir aprendendo, para compartir coñecementos e para continuar medrando tanto a nivel persoal como colectivo', subliñando tamén a súa achega ao benestar e ao fortalecemento da vida cultural e social.

No acto, Natividade González incidiu ademais na importancia da colaboración institucional para garantir a continuidade do proxecto. Neste sentido, puxo como exemplo o convenio da Deputación da Coruña coa UNED, que permite dotar de recursos e estabilidade unha proposta que, segundo indicou, aposta pola formación, a participación e a igualdade de oportunidades durante todas as etapas da vida.

Por último, a responsábel de Cultura reivindicou a necesidade de recoñecer o papel das persoas maiores na sociedade actual e defendeu que UNED Sénior 'non só transmite saberes, senón que tamén crea espazos de encontro, diálogo e participación, fundamentais para unha cidadanía activa e comprometida'.

⚙ Configurar cookies
0.078075885772705