A Deputación da Coruña reforza o compromiso contra a violencia machista neste 25N

ACoruñaXa
O acto institucional destacou a necesidade de coordinación e acción para combater unha lacra que deixou 41 mulleres asasinadas en 2024
Acto 25N Deputación da Coruña
25 Nov 2024

O Pazo Provincial da Deputación da Coruña acolleu este 25 de novembro o acto institucional conmemorativo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. No evento, a deputada de igualdade, Soledad Agra, destacou a urxencia de facer fronte á violencia machista, cualificándoa como “o problema máis importante que afecta á vida das mulleres na nosa sociedade” e unha das consecuencias máis directas do sistema patriarcal.

A intervención de Soledad Agra estivo marcada pola contundencia dos datos: 41 feminicidios no que vai de 2024, máis de 1400 ordes de afastamento, máis de 900 delitos contra a liberdade sexual e case 8000 casos activos rexistrados pola Garda Civil. A deputada chamou á reflexión e á acción inmediata: “A seguridade das mulleres, a posibilidade de vivir sen medo, debe ser a meta de calquera sociedade democrática”.

As deputadas Yoya Neira, Natividade González, Avia Veira, Izaskun García e María del Mar Méndez, pola súa banda, encargáronse de dar lectura á declaración institucional aprobada pola Deputación. Nesta declaración reafírmase o compromiso da institución por erradicar a violencia de xénero, instando á coordinación entre administracións e á creación de servizos públicos integrais para atender as necesidades das mulleres vítimas. O texto tamén puxo de manifesto a preocupación polos discursos negacionistas que buscan minimizar ou ocultar esta problemática social.

Un dos momentos máis emocionantes do acto chegou co persoal funcionario da Deputación, que leu un texto contra a violencia machista no que se incluíron testemuños reais de mulleres vítimas de abusos, extraídos de obras como Invisibles de Montse Fajardo ou Puteros de Beatriz Ranea. Estes relatos puxeron en evidencia as múltiples formas de violencia que persisten, desde a psicolóxica e económica ata a sexual e dixital, reforzando a urxencia dunha acción colectiva contra o machismo estrutural.

O acto forma parte da campaña “De fronte á violencia de xénero”, que este ano aborda tamén a relación entre as infeccións de transmisión sexual e a violencia machista. Esta campaña inclúe palestras, material audiovisual, ferramentas dixitais e xogos interactivos, dirixidos a fomentar a educación e a prevención. A Deputación tamén reiterou o seu compromiso coa sensibilización en toda a provincia, levando actividades e recursos a todos os concellos para avanzar cara á igualdade real.

Por último, a Deputación quixo lembrar a situación que sofren as mulleres en contextos internacionais especialmente adversos, como en Afganistán ou nas zonas de conflito armado, onde a violencia contra as mulleres segue a empregarse como arma de guerra e sometemento. "Hoxe máis que nunca temos que alzar a voz para denunciar todas estas formas de violencia", concluíu o acto.

0.16015291213989