A Deputación da Coruña reforza o apoio ao tecido asociativo feminino no rural das Encrobas

A deputada de Mar e Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán, desprazouse hoxe ata a parroquia das Encrobas, no concello de Cerceda, para visitar a Asociación de Mulleres Rurais A Xungueira, unha entidade que leva preto de vinte anos desenvolvendo unha intensa actividade de dinamización social, cultural e comunitaria na zona.
Durante a visita, a representante provincial mantivo un encontro coas responsables do colectivo no que puido coñecer de primeira man o traballo que realizan, así como as principais necesidades da asociación e as actuacións previstas no local social de Pontoxo, espazo que conta cunha achega da Deputación da Coruña de 9.598,92 euros.
Esta subvención permitirá levar a cabo obras de acondicionamento no edificio co obxectivo de mellorar a súa seguridade, funcionalidade e accesibilidade. Trátase dun equipamento clave para a vida veciñal das Encrobas, xa que funciona como punto de reunión habitual e centro de referencia para as actividades que a asociación organiza ao longo de todo o ano.
Cristina Capelán puxo en valor o papel de entidades como A Xungueira, ás que definiu como “imprescindibles para manter vivo o rural, fomentar a participación veciñal e fortalecer o tecido social das parroquias”.
Neste sentido, subliñou tamén a importancia dos locais sociais como espazos de encontro, aprendizaxe e convivencia, destacando que deben contar con instalacións axeitadas e confortables que favorezan o seu uso continuado por parte da veciñanza.
Na actualidade, a Asociación de Mulleres Rurais A Xungueira das Encrobas conta con 85 socias e impulsa ao longo do ano numerosas iniciativas culturais, formativas e sociais. Entre elas inclúense obradoiros, cursos, actividades vinculadas á igualdade e propostas destinadas a manter viva a cultura tradicional galega.
A deputada provincial destacou ademais o traballo desenvolvido pola entidade nunha parroquia marcada pola dispersión poboacional e polas transformacións derivadas da actividade mineira, agradecendo o compromiso das mulleres que, segundo sinalou, “levaron décadas sostendo a vida asociativa e comunitaria nas Encrobas”.