A Deputación da Coruña organiza unha semana de visitas guiadas, espeleoloxía e obradoiros polas Xornadas Europeas do Patrimonio

A Deputación da Coruña porá en marcha entre o 20 e o 25 de outubro a terceira edición das Xornadas Europeas do Patrimonio (XEPDAC), unha iniciativa que reunirá visitas guiadas, espeleoloxía, fotografía, música, títeres e maxia en diferentes espazos patrimoniais da provincia. Segundo o responsable de patrimonio da institución provincial, Xosé Penas, esta cita converteuse no eixo dunha ampla programación cultural orientada a dar a coñecer, poñer en valor e protexer o legado histórico da provincia.
A edición deste ano enmárcase baixo o lema "Patrimonio en risco: revivir, resistir, reimaxinar", proposto conxuntamente pola Unión Europea e o Consello de Europa para este evento de carácter internacional. Este enfoque convida a reflexionar sobre a fraxilidade do patrimonio cultural fronte a retos como o cambio climático, o crecemento urbano descontrolado ou a degradación ambiental. Partindo desta idea, o programa de 2026 céntrase en tres grandes eixos: recuperar tradicións e relatos en perigo de desaparición para asegurar a súa transmisión; converter o patrimonio nunha ferramenta útil para facer fronte ás ameazas que pesan sobre a diversidade cultural; e repensar, dende a creatividade, a relación co pasado para que ese legado siga sendo accesible para as futuras xeracións.
Neste sentido, Penas subliñou que a institución provincial non quere limitarse a observar estes desafíos dende fóra. "Protexer o noso patrimonio non é só mirar ao pasado; é un acto de resiliencia, salvagarda da nosa diversidade e cohesión social", afirmou o deputado, quen tamén incidiu na magnitude dos problemas actuais: "Vivimos nun momento de grandes desafíos globais. A crise climática, a urbanización acelerada e a degradación ambiental ameazan a herdanza que nos define".
Actividades dirixidas a centros escolares
O programa arrincará cunha serie de propostas pensadas para grupos escolares, que terán lugar en horario de mañá entre o martes e o xoves en diferentes enclaves patrimoniais da provincia. A primeira cita será o martes 20 de outubro no Dolmen de Axeitos, en Ribeira, onde a compañía K'Paparota Teatro representará a peza escénica e pedagóxica 'Latexos', con Carmen Conde como protagonista. Ao día seguinte, mércores 21, o dúo Os Monifates levará o seu espectáculo de música e marionetas 'Os Monifates no Camiño' ao patio das Torres do Allo, en Zas. A proposta escolar pecharase o xoves 22 no patio de armas do Castelo de Vimianzo, onde Samuel Moreno ofrecerá un espectáculo de maxia e ilusionismo dirixido ao alumnado.
Programación aberta ao público xeral
A partir da fin de semana, as xornadas abriranse a todos os públicos con actividades de acceso gratuíto, aínda que será necesario inscribirse previamente debido ao número limitado de prazas.
O venres 23 de outubro, a programación trasladarase á zona norte da provincia, con visitas guiadas á antiga Batería militar da Bailadora, en Ares (ás 11.00 horas e ás 13.00 horas); ao Mosteiro de Santa María de Monfero, en Monfero (ás 12.00 horas, 16.00 horas e 18.00 horas); e ao Convento do Rosario, en San Sadurniño (ás 17.00 horas e 19.00 horas).
O sábado 24 de outubro combinará a divulgación patrimonial co contorno natural e a aventura subterránea. Está prevista unha visita guiada ao Faro da Punta Nariga, en Malpica de Bergantiños (ás 11.00 horas e 13.00 horas), ademais dun percorrido interpretativo con incursión espeleolóxica no Pico Sacro, en Boqueixón, con varios quendas ás 11.00, 12.00, 13.00, 16.00 e 17.00 horas. A xornada do sábado rematará ás 19.30 horas cun obradoiro práctico de iniciación á fotografía de arte rupestre nos Petróglifos de Villestro, en Santiago de Compostela, a cargo do Colectivo A Rula.
As XEPDAC despedirranse o domingo 25 de outubro con visitas guiadas á fortaleza altomedieval do Castelo do Casón, en Ortigueira (ás 11.00 horas e 13.00 horas), e ao conxunto arqueolóxico e marítimo de Punta Sarridal, en Cedeira (ás 12.00 horas e 16.00 horas).
Todas as actividades son gratuítas, aínda que, debido ao aforo limitado, é imprescindible reservar praza con antelación. As inscricións xestionaranse en liña e o prazo abrirase o venres 16 de outubro ás 12.00 horas, a través da páxina web da Deputación da Coruña: https://dacoruna.gal/patrimonio/xepdac/.