A Deputación da Coruña ofrece formación gratuíta para emprender e mellorar a xestión dos negocios

A Deputación da Coruña e a Confederación de Empresarios da Coruña (CEC) lanzan unha nova oferta de formación gratuíta para apoiar o emprendemento e reforzar a competitividade das empresas da provincia. A iniciativa, integrada no programa Provincia Emprendedora do Plan de Emprego Local (PEL), combina cursos especializados con obradoiros prácticos adaptados ás necesidades do tecido empresarial.
A programación está dirixida principalmente a pequenas empresas, persoas autónomas e emprendedoras. Os contidos elaboráronse a partir das necesidades detectadas nas mesas de traballo sectoriais celebradas nos últimos meses, nas que participaron representantes do turismo, as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), o audiovisual, o sector primario e as enerxías renovables, entre outros ámbitos vinculados á sustentabilidade.
Entre os retos identificados figuran a transformación dixital, a mellora das vendas, a xestión económica, a captación de persoal cualificado e a remuda xeracional. A nova oferta pretende dar resposta a estas cuestións con formación práctica que permita mellorar a organización e o desenvolvemento dos negocios.
Cursos de márketing dixital, finanzas e comercio electrónico
O catálogo formativo inclúe cursos de ata 90 horas e obradoiros prácticos de dúas horas. A maioría das actividades desenvolveranse en modalidade virtual ou de teleformación, para facilitar a participación sen interferir na actividade profesional.
Entre as propostas destaca un programa avanzado de Márketing e Estratexia Dixital, orientado a mellorar a presenza en internet e as estratexias de comunicación e comercialización das empresas. Tamén se ofrecen formacións en Finanzas para non Financeiros, Dirección de Equipos e Coaching e Transformación Dixital da Empresa.
O comercio electrónico terá igualmente un papel relevante, con contidos centrados na creación de tendas en liña e no uso das redes sociais e doutras ferramentas dixitais para impulsar as vendas.
A programación incorpora, ademais, o MVP Camp Sprint, unha actividade presencial intensiva deseñada polo equipo de SmartAoS para axudar a transformar ideas en solucións concretas e validar novas propostas de negocio.
Obradoiros para resolver problemas cotiáns das empresas
A oferta complétase con sesións breves sobre cuestións habituais na xestión empresarial. Entre os temas previstos están os procedementos para actuar ante impagamentos, a elección da forma xurídica máis axeitada para emprender, a protección de datos e a prevención de situacións de insolvencia.
Tamén se abordarán aspectos relacionados coa xestión de persoal, como o absentismo laboral e a contratación e regularización de persoas estranxeiras, así como nocións financeiras básicas para mellorar a planificación económica e a toma de decisións.
Con esta combinación de cursos e obradoiros, Provincia Emprendedora busca ofrecer ferramentas útiles tanto a negocios en funcionamento como a persoas que están a preparar a posta en marcha dos seus proxectos.
As primeiras formacións comezan o 28 de outubro
O prazo de inscrición para as primeiras actividades xa está aberto. O programa avanzará de maneira progresiva coa apertura das plataformas de formación.
O curso avanzado de Márketing e Estratexia Dixital estará dispoñible a partir do 28 de outubro, mentres que a formación Venda en liña na empresa: redes sociais e ferramentas de comunicación abrirá a súa plataforma o 2 de novembro.
Pola súa banda, o curso de Dirección de Equipos e Coaching comezará o 4 de novembro e combinará o traballo na plataforma formativa con sesións virtuais impartidas por persoas expertas.
A programación incorporarará novas actividades e obradoiros ao longo do desenvolvemento do programa, en función das prioridades e necesidades das empresas da provincia.
Como inscribirse
Todas as actividades son gratuítas. As persoas interesadas poden consultar a oferta completa e formalizar a súa inscrición na web da Confederación de Empresarios da Coruña. Para obter máis información sobre Provincia Emprendedora e as súas liñas de actuación, tamén está dispoñible a web do Plan de Emprego Local da Deputación.