A Deputación da Coruña impulsa con 14.960 euros a edición bilingüe das obras premiadas co Rafael Dieste

ACoruñaXa
O acordo coa Asociación de Directores de Escena permitirá recuperar e difundir en galego e castelán os textos gañadores deste histórico certame teatral
DEPUTACIÓN natividad y eduardo
19 Nov 2025

A Deputación da Coruña e a Asociación de Directores de Escena de España (ADE) suman forzas para darlle unha nova vida ás obras premiadas co galardón teatral ‘Rafael Dieste’. A deputada de Cultura, Natividade González, e o representante da entidade, Eduardo Alonso, veñen de asinar un convenio de colaboración para editar en formato bilingüe galego-castelán as pezas que ao longo dos anos resultaron gañadoras deste premio de textos teatrais.

A institución provincial achegará 14.960 euros para o desenvolvemento do proxecto, o que supón arredor do 74 % dun orzamento total cifrado en 20.150 euros. O resto será asumido pola propia Asociación de Directores de Escena, que conta cunha traxectoria superior aos 35 anos no ámbito profesional do teatro.

Grazas a este acordo, recuperaranse, difundirán e poñeranse en valor obras que forman parte do patrimonio cultural galego e español, permitíndolles chegar a novos públicos en edicións que recollerán tanto o texto orixinal en galego como a súa tradución ao castelán.

As publicacións estarán dirixidas, de maneira especial, a profesionais das artes escénicas: directoras e directores, compañías teatrais e programadores de España e de distintos países de Latinoamérica, o que favorecerá que estas pezas poidan ser montadas e exhibidas en escenarios dentro e fóra do Estado.

Natividade González subliñou a relevancia do paso dado coa sinatura do convenio. “É un paso moi importante para que o noso teatro cruce fronteiras e abra portas a novos públicos”, sinalou, ao tempo que resaltou a “solvencia profesional” da Asociación de Directores de Escena como garantía de calidade no proceso de edición e difusión destas obras.

⚙ Configurar cookies
0.072952032089233