A Deputación da Coruña destina 3,36 millóns a crear un 'xemelgo dixital' para os 93 concellos

GaliciaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
A ferramenta utilizará intelixencia artificial e análise de datos para anticipar necesidades e planificar investimentos en ámbitos como a auga, a vivenda, a enerxía e as infraestruturas
DIPU CORU xemego dixital
8 Oct 2026

A Deputación da Coruña impulsará a creación dun 'Xemelgo Dixital Provincial' que permitirá analizar a realidade dos 93 concellos da provincia e utilizar intelixencia artificial, análise avanzada de datos e simulación para mellorar a planificación dos servizos públicos.

O proxecto, denominado 'Coruña: Provincia analítica e preditiva', conta cun orzamento de 3.365.010 euros. Desta cantidade, 2.019.006 euros, equivalentes ao 60 %, procederán de financiamento europeo, mentres que os 1.346.004 euros restantes serán achegados pola propia Deputación con fondos propios.

A iniciativa foi seleccionada no programa RedCyTI Smart Economy de Red.es, que busca impulsar a transformación dixital de cidades e territorios mediante o uso de tecnoloxías avanzadas. A Deputación da Coruña é unha das 52 entidades locais seleccionadas en toda España nesta convocatoria.

Unha representación virtual da provincia

O 'xemelgo dixital' funcionará como unha representación virtual do territorio e integrará información relacionada coa poboación, a vivenda, a actividade económica, as infraestruturas, o consumo enerxético, o abastecemento de auga e os servizos públicos.

A partir destes datos, a plataforma poderá detectar tendencias, identificar necesidades ou desequilibrios entre territorios e simular diferentes escenarios antes de que as administracións adopten determinadas decisións ou acometan investimentos.

Entre as aplicacións previstas está a posibilidade de anticipar futuras necesidades de abastecemento de auga, localizar zonas con maior vulnerabilidade enerxética, analizar a evolución da demanda de vivenda ou planificar novas infraestruturas.

A ferramenta tamén pretende facilitar a identificación de oportunidades para a implantación de actividades económicas e favorecer unha planificación máis coordinada entre os distintos concellos.

Especial atención aos pequenos concellos

Un dos obxectivos da iniciativa é facilitar aos municipios con menos recursos económicos e técnicos o acceso a ferramentas tecnolóxicas avanzadas que, pola súa conta, poderían resultar máis difíciles de desenvolver.

A Deputación considera especialmente relevante esta capacidade nunha provincia marcada pola dispersión da poboación, o envellecemento demográfico e as diferenzas entre as zonas urbanas e o medio rural.

Neste contexto, o proxecto busca aplicar os datos e a intelixencia artificial á análise de problemas como a perda de poboación, as dificultades de acceso á vivenda e aos servizos, a vulnerabilidade enerxética, a perda de actividade comercial ou a necesidade de atraer investimentos e xerar emprego.

A deputada de Emprego, Medio Ambiente e Política Demográfica, Rosa Ana García, participou este xoves en Madrid na presentación dos proxectos seleccionados no programa RedCyTI Smart Economy. Durante o acto destacou a importancia de que a transformación dixital chegue aos concellos independentemente do seu tamaño.

A plataforma permitirá ademais traballar con información homoxénea dos diferentes municipios, compartir datos e facilitar unha planificación conxunta das políticas públicas a escala provincial.

0.15116810798645