A Deputación da Coruña convoca a V edición dos Premios de Boas Prácticas en Servizos Sociais con 42.000 euros en galardóns

ACoruñaXa
As entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia poden presentar candidaturas ata o 3 de febreiro de 2026, ás 14.00 horas, a través da plataforma SUBTEL
DEPU CORUÑA cogami
13 Jan 2026

A Deputación da Coruña vén de abrir a convocatoria da V edición do Premio de Boas Prácticas en Servizos Sociais, unha iniciativa coa que a institución provincial busca recoñecer e dar maior visibilidade ao traballo que desenvolven as entidades sociais sen ánimo de lucro no territorio coruñés.

A nova edición conta cunha dotación total de 42.000 euros e distribuirase en seis categorías, cun premio de 7.000 euros en cada unha. Cinco dos galardóns están destinados a proxectos e un sexto distinguirá a traxectoria dunha entidade polo seu compromiso continuado coa mellora do benestar social e a defensa dos dereitos da cidadanía.

As candidaturas poden concorrer nas modalidades de investigación científica en servizos sociais, iniciativas sociais no ámbito rural, programas dirixidos a persoas maiores, discapacidade e dependencia, familia, infancia e adolescencia, e inclusión social. O premio á traxectoria pretende poñer en valor o labor sostido dunha entidade ao longo do tempo.

Poderán participar todas aquelas entidades sen ánimo de lucro vencelladas ao eido dos servizos sociais que desenvolvan a súa actividade na provincia da Coruña e estean inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, salientou que 'estes premios son unha forma de recoñecer o traballo imprescindible que realizan as entidades sociais, moitas veces de maneira silenciosa, para mellorar a vida das persoas máis vulnerables e construír unha sociedade mellor'. Pola súa banda, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, subliñou que a convocatoria 'amosa o compromiso da institución cunhas políticas sociais de calidade, innovadoras e centradas nas persoas', ao tempo que reforza o tecido social e ofrece apoio e proxección pública ás iniciativas.

Na última edición, as entidades premiadas foron COGAMI, EAPN Galicia, FEGADEM, Asociación Raíña Paraíso, Fundación Meniños e Asociación Arraianas.

O prazo de presentación de candidaturas, xa aberto, remata o 3 de febreiro de 2026, ás 14.00 horas. A tramitación deberá realizarse exclusivamente por vía telemática na plataforma SUBTEL, accesible desde a sede electrónica da Deputación da Coruña.

⚙ Configurar cookies
0.088280916213989