A Deputación da Coruña afianza a súa colaboración con Matosinhos no evento turístico 'Out of the Blue'

ACoruñaXa
Regueira destaca as sinerxías entre a Coruña e Matosinhos para impulsar a sustentabilidade e a gastronomía mariña
Imaxe da firma do acordo entre a Deputación e Matosinhos
25 Out 2024

A Deputación da Coruña e Matosinhos afianzan a súa relación. O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, participou no evento gastronómico internacional 'Out of the Blue', que se celebra en Matosinhos entre o 23 e o 26 de outubro, co obxectivo de destacar a importancia da gastronomía mariña e da sustentabilidade dos océanos. Durante a inauguración oficial, Regueira resaltou as sinerxías entre a Coruña e o municipio portugués, en especial no ámbito da gastronomía e da promoción dun turismo sustentable.

"Compartimos o Atlántico, unha gastronomía de alta calidade e un compromiso común coa sustentabilidade e co turismo responsable", subliñou Regueira. Así, agradeceu a oportunidade de representar á provincia nun evento de gran relevancia internacional, no que tamén se abordaron temas como a sustentabilidade e os desafíos futuros para o sector turístico e gastronómico.

Un dos momentos destacados da súa visita foi a sinatura dun memorando de entendemento entre a Cámara de Matosinhos e a Deputación da Coruña, co cal se afianza unha colaboración que continuará no futuro para fortalecer ambos os destinos turísticos e culturais. Segundo Regueira, "o futuro da nosa gastronomía pasa pola despensa mariña, e iniciativas como Out of the Blue contribúen a pór en valor o noso patrimonio alimentario submarino".

A provincia da Coruña está representada no evento con diversas actividades, incluíndo showcookings “a catro mans”, onde os chefs galegos Lucía Freitas (A Tafona) e Iván Domínguez (NaDo) colaboran con chefs portugueses como Rui Paula, de Chá da Boa Nova, e Arnaldo Azevedo, do restaurante Bistrô by Vila Foz, ambos galardoados con Estrelas Michelin. O evento inclúe ademais mesas de diálogo sobre o papel das mulleres nos sistemas alimentarios e o impacto das algas no ecosistema e na cociña, co chef Sergio Baamonde, de Algas Mar de Ardora.

0.19473695755005