A Deputación da Coruña achegará preto de 117.000 euros ao Concello de Ordes para gasto social
A Deputación da Coruña destinará unha achega de 116.981,77 euros ao Concello de Ordes a través do Plan Único de Concellos “POS+ Adicional 1/2025”. O obxectivo é financiar gastos sociais extraordinarios, unha medida que foi apoiada polo BNG.
O portavoz municipal do BNG, Pablo Vidal, subliñou que esta axuda chega nun contexto de insuficiente financiamento por parte da Xunta de Galiza e do Goberno do Estado, administracións que, segundo Vidal, "teñen a verdadeira competencia en política social, pero que non están a cubrir as necesidades dos concellos".
Pese a que a Deputación da Coruña non ten competencias directas nesta materia, Vidal agradeceu esta achega, que permitirá ao Concello de Ordes dispoñer de máis recursos para atender outras necesidades da veciñanza e facer fronte a investimentos prioritarios.