A Deputación da Coruña achega preto de 88.000 euros para mellorar o acceso ao centro de día de ASPACE en Sada

ACoruñaXa
A ampliación da marquesiña de entrada permitirá que as 46 persoas con parálise cerebral que acoden ao centro poidan subir e baixar dos autobuses ao abeiro da chuvia
DIPU CORU aspace sada
9 Nov 2026

As persoas usuarias do centro de día de ASPACE Coruña en Osedo, Sada, poderán acceder ás instalacións e subir e baixar dos autobuses en mellores condicións cando chova. A Deputación da Coruña achegará 87.688,88 euros para ampliar a marquesiña da entrada principal do complexo asistencial, unha actuación que beneficiará as 46 persoas con parálise cerebral que acoden ao centro.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a presidenta de ASPACE Coruña, María Carmen Barreiro Santos, asinaron este luns o convenio de colaboración para levar a cabo as obras. A achega provincial representa o 72,85 % do orzamento total, que ascende a 120.373,07 euros.

A marquesiña actual ten unha superficie insuficiente para que os autobuses que trasladan diariamente as persoas usuarias desde os seus domicilios poidan estacionar baixo cuberto. Esta limitación dificulta especialmente as operacións de subida e baixada das persoas que utilizan cadeira de rodas durante os días de chuvia intensa.

A intervención permitirá ampliar en máis de 215 metros cadrados a superficie cuberta da entrada. O novo espazo terá capacidade para acoller autobuses de ata 15 metros de lonxitude e permitirá que as persoas usuarias e o persoal de apoio poidan moverse arredor dos vehículos sen quedar expostos ás inclemencias meteorolóxicas.

Durante o encontro, ambas as entidades tamén abordaron os preparativos do 50 aniversario de ASPACE Coruña, que se celebrará en 2027. Fundada en 1977, a asociación foi pioneira en Galicia na atención ás persoas con parálise cerebral e conta en Osedo cun centro de día, un centro educativo e dúas residencias.

0.16273903846741