A Deputación da Coruña abre o prazo para presentar candidaturas aos IV Premios do Deporte

A Deputación da Coruña abre o prazo para presentar candidaturas aos IV Premios do Deporte, unha convocatoria coa que a institución busca recoñecer o labor de persoas e entidades da provincia que destacaron ao longo de 2025 pola súa traxectoria, polos seus resultados ou pola súa contribución á promoción da actividade física e dos hábitos saudables.
As candidaturas poderán presentarse ata o 30 de xaneiro ás 14.00 h e deberán tramitarse de xeito telemático a través da sede electrónica da Deputación, seguindo o procedemento recollido nas bases. Poderán propoñer nomes e proxectos tanto persoas físicas como xurídicas vinculadas ao deporte na provincia, e tamén as persoas integrantes do xurado poderán presentar candidaturas ao resto dos seus membros dentro do prazo marcado.
O deputado de Deportes, Antonio Leira, salientou que estes premios pretenden visibilizar tanto ás figuras máis destacadas como ao traballo menos visible de clubs, adestradores e entidades que sosteñen o deporte no día a día e animou ao tecido deportivo e á cidadanía a participar para que os galardóns reflictan a diversidade e o compromiso existente na provincia.
A edición de 2025 mantén 15 categorías, entre elas mellor deportista feminina e masculina, veteranos, promesas, deporte con diversidade funcional, mellor adestrador/a, árbitro/a ou xuíz/a, entidade colaboradora, evento deportivo, fomento do deporte de base, fomento do deporte inclusivo e un premio a toda unha vida dedicada ao deporte. Ademais, o xurado poderá outorgar mencións especiais a iniciativas ou traxectorias salientables.
Os premios non teñen dotación económica e consisten nun galardón conmemorativo e un diploma. Unha vez rematadas as deliberacións, a Deputación celebrará en 2026 unha nova Gala do Deporte para facer entrega oficial das distincións.