A Deputación da Coruña abre a inscrición para a segunda edición do programa de formación de clubs deportivos de base

GaliciaXa | ACoruñaXa | FerrolXa
A primeira xornada celebrarase este venres 13 de novembro en Noia e incluirá sesións sobre soporte vital básico e regulación emocional no deporte
DIPU CORU ii xornadas deporte
9 Nov 2026

A formación en primeiros auxilios, preparación física, nutrición e xestión económica centrará a segunda edición do Programa de Formación para Entidades Deportivas de Base da Deputación da Coruña, que xa ten aberto o prazo de inscrición. A iniciativa está dirixida a adestradores e adestradoras e ás persoas responsables da xestión dos clubs da provincia, e desenvolverase entre novembro e decembro con actividades en liña e sesións presenciais en Noia, Narón e Culleredo.

A programación arrancará este venres, 13 de novembro, en Noia, cunha xornada que abordará dúas cuestións fundamentais para o traballo dos corpos técnicos. Roberto Barcala impartirá unha sesión sobre soporte vital básico para ensinar como actuar ante unha emerxencia, mentres que Manuel Isorna tratará a regulación emocional no ámbito deportivo.

Formación para adestradores e xestores

Entre os contidos relacionados co adestramento figuran a especialización temperá e as cargas de traballo en menores de 15 anos, a xestión do éxito deportivo nas categorías de base e a influencia da nutrición na saúde e no rendemento das persoas deportistas.

O programa tamén reserva un espazo para a xestión dos clubs, con formación en contabilidade, tesouraría e obrigas fiscais, así como en patrocinio e doazóns. A estas materias súmanse cuestións relacionadas coa normativa deportiva, a cotización á Seguridade Social dos deportistas de alto nivel e as vías de acceso ás ensinanzas deportivas oficiais.

Ademais de Barcala e Isorna, o cadro docente estará integrado por Rafael Martín Acero, Mar Rovira, Eva María Blázquez Agudo, Dolores Pedrares, Yago Casal, Alicia Villegas, Miguel Juane e Álvaro Illobre.

Esta segunda convocatoria amplía os contidos da primeira edición, celebrada en 2025, na que participaron máis de 100 persoas de máis de 75 clubs, entidades deportivas e concellos da provincia.

As persoas interesadas xa poden inscribirse a través do formulario habilitado pola Deputación.

0.15222907066345