A Deputación brinda o seu apoio para situar na antiga fábrica de La Cros un Centro de Excelencia en Economía Circular

ACoruñaXa
O presidente da entidade provincial, na visita ás instalacións de CETIM en Culleredo, destacou a importancia de dar “todas as facilidades ás entidades e empresas que apostan pola innovación, a investigación e a tecnoloxía para seguir crecendo”
Imaxe da visita de Formoso ao Cetim de Culleredo
Imaxe da visita de Formoso ao Cetim de Culleredo
8 Xul 2024

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou esta mañá as instalacións de CETIM Technological Centre, un dos sete centros tecnolóxicos de referencia en Galicia, situado no parque empresarial de Alvedro, no municipio de Culleredo. Formoso estivo acompañado polo alcalde do municipio e deputado de Facenda e Avance Dixital, José Ramón Rioboo; o director xeral do centro tecnolóxico, Toni Pons; a directora executiva, Lucía Camino; e o equipo de responsables e investigadores de I+D+i.

Durante a súa visita, o presidente ofreceu o apoio da Deputación da Coruña para colaborar co Concello de Culleredo e o CETIM na ubicación nas naves da antigua fábrica da Cros do Burgo dun Centro de Excelencia para a Competitividade da Economía Circular: “O CETIM vén experimentando un importante crecemento nos últimos anos que fai que este espazo se quede pequeno, pero xa hai enriba da mesa a solución: a antiga Cros, que é unha vella demanda da veciñanza”. Formoso destacou que esta solución “está enriba da mesa e aberta á participación de todas as administracións, desde o goberno do Estado á Xunta de Galicia”.

“É un proxecto liderado polo Concello de Culleredo, que conta co apoio da Deputación da Coruña para o seu financiamento e desenvolvemento”, lembrou o presidente, que explicou que a execución dese proxecto sería un exemplo de como as administracións aportan “facilidades a entidades e empresas que apostan pola innovación, a investigación e a tecnoloxía para seguir medrando, dado o necesario papel que exercen na sociedade”. Ademais, Formoso destacou que con esta actuación, “a Cros pode deixar de ser un problema estético para Culleredo e pase a ser a ubicación dunha das entidades máis prospectivas e con máis futuro no ámbito da economía circular e da investigación científica”.

“É a nosa obriga como institución axudar a visualizar a labor que fan as empresas e entidades de investigación en distintas fórmulas en beneficio do progreso da sociedade. CETIM é un exemplo clarísimo diso, sobre todo tendo en conta cales son as prioridades da Unión Europea no ámbito da economía circular”, matizou o presidente, que destacou tamén a contribución de centros coma este á retención no territorio do talento formado nas universidades galegas.

Pola súa banda, José Ramón Rioboo apuntou que “CETIM significa talento e todo ese talento pode estar concentrado nunhas naves emblemáticas á carón da Ría do Burgo, que vén a ser un exemplo de biodiversidade e encontro co medio ambiente”.

“CETIM é economía circular e investigación. Polo tanto, ten o necesario para que unha fundación poida estar ubicada nas naves da Cros, que representan esa transformación que tivemos na sociedade de industrias contaminantes a outras que apostan por unha diminución da pegada de carbono”, engadiu o alcalde. O rexedor recalcou que o goberno local “non renuncia a ese proxecto” e considerou que “aínda existen posibilidades de que se poñan de acordo todas as administracións para acadar un financiamento que xa había para facelo realidade”, finalizou.

Mentres, Toni Pons, director xeral do centro tecnolóxico, explicou que “debido a nuestro gran crecimiento desde el inicio de nuestra actividad en I+D hace más de 10 años, necesitamos seguir aumentando nuestro equipamiento científico y nuestro talento, con la creación de empleo altamente cualificado, pero es muy complicado con el espacio que disponemos actualmente. En CETIM queremos quedarnos en Culleredo porque apostamos por esta localidad y queremos seguir impulsando la economía circular en nuestra región, posicionando a Galicia y a España a la vanguardia europea e internacional en sostenibilidad, la colaboración público-privada y la I+D+i; contribuyendo al crecimiento económico de Culleredo y convirtiéndolo en un Polo de Economía Circular de atracción de talento de alta cualificación”.

O proxecto previsto para as antigas naves da Cros do Burgo, ademais, do Centro de I+D+i, ten previsto a construción de instalacións para actividades socioculturais municipais, un espazo de ‘co-working’ para empresas innovadoras e emprendedores no ámbito da sustentabilidade, salas de formación e divulgación, un auditorio e espazos exteriores de máis de 12.000 metros cadrados con zonas verdes axardinadas para esparexemento público.

 

0.18864107131958