A Deputación aproba unha moción para esixir melloras na educación rural á Xunta

ACoruñaXa
PSOE e BNG piden á Xunta garantir o cumprimento dos ratios, apoio ao alumnado con necesidades especiais e un plan específico para o ensino rural
Imaxe do presidente da Deputación da Coruña, Formoso
13 sep 2024

No pleno de hoxe, a Deputación da Coruña aprobou unha moción presentada polo PSdeG-PSOE e o BNG que demanda á Xunta de Galicia cumprir cos ratios de alumnado por profesor, dotar de persoal de apoio suficiente aos colexios galegos e desenvolver un plan específico para garantir a calidade do ensino no ámbito rural. A iniciativa contou cos votos favorables do PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños, mentres que o Partido Popular votou en contra.

A moción insta á administración autonómica a non limitar as matrículas nos primeiros cursos de cada ciclo e a realizar o desdobre das unidades necesarias, así como a proporcionar os recursos humanos e materiais precisos para cumprir cos ratios establecidos. Esta petición responde ás denuncias das federacións de Anpas, que afirman que en varios centros de ensino da provincia, especialmente en zonas rurais, estanse a agrupar alumnos de diferentes cursos, vulnerando os acordos asinados en 2023 cos sindicatos, que limitaban estas agrupacións a un máximo de 14 alumnos do mesmo ciclo ou 12 de ciclos distintos.

A iniciativa tamén fai fincapé na necesidade de dotar de persoal de apoio suficiente para o alumnado con necesidades educativas especiais, promovendo así unha integración real. As limitacións actuais nas zonas rurais, como a escaseza de profesorado e a sobrecarga de traballo dos docentes, están afectando negativamente tanto ao alumnado como ao profesorado. A moción denuncia que a redución de recursos, especialmente en áreas rurais, está a levar a unha situación insostible, que forza ás familias a trasladar aos seus fillos ás cidades, contribuíndo ao despoboamento e á diminución de servizos educativos no rural.

As entidades provinciais reclaman que a Xunta desenvolva un plan específico para garantir o mantemento da calidade educativa nas zonas rurais e que se asegure unha dotación de recursos adecuada para evitar a fuxida de familias cara ás cidades, protexendo así o tecido educativo e social do medio rural galego.

0.19985604286194